Bandas de motociclistas venden no mercado negro armas enviadas a Ucraína

Despois das alertas da Europol sobre a posibilidade de que o armamento enviado a Ucraína acabase no mercado negro, Finlandia confirma a presenza destas armas no país, entre dúbidas sobre o volume de tráfico ilegal en Ucraína, que recibiu 35.000 millóns de euros en armamento desde a invasión rusa.
Restos dun ataque en Zaporijia. (Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Restos dun ataque en Zaporijia. (Foto: Ukrinform / dpa)

“Ucraína recibiu un gran volume de armas e iso é bo, pero imos tratar con esas armas durante décadas e pagar aquí o prezo”, sostivo Christer Ahlgren, inspector xefe da Oficina Nacional de Investigación de Finlandia.

Esta entidade fixo público que foron detectadas no país armas enviadas a Ucraína no marco da guerra contra Rusia, do mesmo xeito que en Suecia, Dinamarca e Países Baixos. Ahlgren debullou que detrás do tráfico de armas están “tres das bandas de motociclistas máis grandes do mundo, unha delas é Bandidos MC, que ten unha unidade en todas as grandes cidades ucraínas”.

Estes grupos criminais utilizan os portos comerciais para introducir rifles de asalto, pistolas, granadas ou drons de combate, aproveitándose de que os controis de seguridade obrigatorios en instalacións como os aeroportos non se aplican aos traballadores portuarios.

En xuño, Europol xa advertira de que a situación en Ucraína podería impulsar un aumento do tráfico de armas. Mentres, un documental da CBS incidiu en que apenas 30% do armamento enviado acaba por chegar á fronte de combate. Desde finais de febreiro Kíiv recibiu máis de 35.000 millóns de euros en armas, principalmente dos Estados Unidos.

Aínda que o Goberno que dirixe Volodimir Zelenski reitera que as acusacións sobre tráfico de armas forman parte dunha campaña de desinformación de Moscova, Washington recoñeceu que só é quen de controlar o destino de 10% das armas cualificadas de alto risco enviadas a Ucraína.

Este tráfico non é novo no país, pois o informe de 2021 do Índice Global sobre Crime Organizado xa desvelara que tiña un dos maiores mercados ilegais de armas do continente europeo.

Combates en Khersón

No plano militar, o Estado Maior das Forzas Armadas ucraínas comunicou que o epicentro dos combates está na cidade de Kajova, na rexión de Khersón, onde Kíiv acadou os principais avances nas últimas xornadas. Un día antes, Rusia denunciou un ataque ao encoro da urbe por parte das forzas ucraínas. Amais, as autoridades rusas informaron de ataques con mísiles contra o centro de Donetsk.

Entrementres, Ukrenergo, a operadora ucraína do sistema eléctrico, sinalou que por terceiro día consecutivo tivo que organizar apagadas en sete rexións do país, entre elas Kíiv, por mor dos danos na rede causados polos bombardeos rusos.

Pola súa parte, a Unión Europea apuntou que a finais de 2022 a asistencia financeira entregada ao Goberno de Zelenski ascenderá a 7.200 millóns de euros.

 

Comentarios