Día contra a violencia machista

A ONU comeza 16 días de activismo para acabar coa violencia machista

Os familiares e parellas están detrás de 56% dos asasinatos machistas en 2021, revelou un estudo da ONU publicado na véspera do 25 de novembro, cando comeza unha campaña para impulsar o activismo en contra da violencia machista.
Irene Montero, ministra española de Igualdade e Sima Bahous, directora executiva da ONU Mulleres (Foto: UN Womens)
photo_camera Irene Montero, ministra española de Igualdade, e Sima Bahous, directora executiva da ONU Mulleres (Foto: UN Womens)

A sexta feira, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, dan inicio 16 días de activismo contra a violencia machista, que terán o seu punto e final o 10 de decembro, Día internacional dos dereitos humanos.

Esta campaña, liderada pola sociedade civil co apoio da Organización das Nacións Unidas Mulleres (ONU Mulleres), anima a toda a poboación a implicarse, amplificando as voces das sobreviventes e activistas, brindando apoio ás organizacións de mulleres ou fortalecendo os movementos feministas. “Todas e todos podemos actuar”, ratifica.

A iniciativa tamén pon o foco na autoorganización, defendendo que “os datos demostran que o motor máis importante do cambio nas políticas é un movemento de mulleres forte e autónomo”, contrapondo a mobilización feminista coa “reacción violenta contra os dereitos”.

Máis dun terzo das mulleres do mundo sofren violencia de xénero durante a súa vida, mentres que menos de 40% das mulleres que padecen esta lacra procura axuda. Os datos facilitados pola ONU na véspera do 25-N inciden en que até 56% das 81.100 mulleres e nenas que faleceron por violencia machista en 2021 foron asasinadas por parellas ou familiares.

Amais, o organismo sostén que “a evidencia dispoñíbel mostra que houbo moi poucos avances na prevención de asasinatos de mulleres e nenas por razóns de xénero”. O traballo indica que o inicio da pandemia de Covid-19 en 2020 coincidiu cun aumento significativo dos asasinatos machistas na esfera privada en América do Norte e Europa.

A directora executiva da ONU Mulleres, Sima Bahous, fixo fincapé en que detrás de cada caso de feminicidio hai “unha muller á que se lle fallou”, e fixo un chamamento á “acción concertada en toda a sociedade que faga realidade o dereito das mulleres e das nenas a sentirse e a estar seguras no fogar, na rúa e en todas partes”.

Pola Oficina da ONU sobre Droga e Crime, a súa directora executiva, Ghada Waly, solicitou “contar todas as vítimas”, criticando que as “incoherencias nas definicións e criterios entre países” impida coñecer “a verdadeira escala do feminicidio”.

As manifestacións por esta data, que se estenden por Estados como Turquía, Paquistán, Filipinas, México ou os membros da Unión Europea, reclaman acabar coa violencia machista, que para a ONU é “a violación dos dereitos humanos máis xeral no mundo”, destacando ademais a multiplicación de leis “regresivas” e dos intentos de marxinar as organizacións feministas.

Comentarios