A ONU fomenta o paínzo como exemplo de cultivo adaptábel ao cambio climático

Organizacións internacionais decidiron dedicar un Ano Internacional ao millo miúdo, tratando de recuperar e expandir o cultivo dun cereal moi ben coñecido na Galiza, e que conta con varios factores que o converten nunha importante aposta para combater a fame no planeta ou adaptar os cultivos perante a nova realidade xerada polo cambio climático, que require unha maior resiliencia.
Plantación de sorgo no departamento francés de Yonne. (Foto: Olive Titus)
photo_camera Plantación de sorgo no departamento francés de Yonne. (Foto: Olive Titus)

Millóns de persoas no planeta sofren inseguridade alimentar. Para conter e reducir esta lacra, entidades de carácter internacional impulsan distintas estratexias, e a máis importante neste exercicio está vinculada cun cereal moi presente ao longo da historia galega, o millo miúdo ou paínzo.

Malia ser substituído nos últimos séculos no país pola introdución do millo -que ficou ao final co nome que recibía este cereal orixinalmente-, a importancia a nivel mundial e o potencial que supón o paínzo levou a Organización das Nacións Unidas (ONU) a proclamar 2023 como o Ano Internacional do millo miúdo, baixo o lema “Rico en patrimonio, cheo de potencial”.

Resiliencia

As distintas variedades de paínzo como o tef ou o sorgo non só son extremadamente resilientes ao cambio climático, o que permite o seu cultivo en terras áridas cunha mínima achega de fertilizante e mantemento, destaca a Organización da ONU para a Alimentación  e a Agricultura, FAO, que sinala como en moitos Estados é o “único cultivo que se pode apañar en temporada seca”, polo que é chave para “superar a escaseza de alimentos en períodos difíciles”, garantindo a seguridade alimentar en poboacións vulnerábeis.

Aínda que nestas zonas o seu uso implica tamén unha cobertura sobre o chan que mitiga a degradación e aumenta a biodiversidade, pode medrar en solos pobres ou fértiles sen afectar de xeito determinante os nutrientes do chan.

Por iso, a redución da súa produción por mor da globalización no ámbito dos alimentos, que elevou as preferencias polo trigo, o millo ou o arroz, tamén incide na seguridade alimentar dos lugares onde amais de alimento tamén se desempeña como parte da cultura e da tradición popular, como Asia ou África subsahariana. A FAO chega a definilo nestas latitudes como un “cultivo estratéxico” a pesar de que se viu diminuído a apenas 3% do comercio mundial de cereais.

De forma paradoxal, esta situación é “unha valiosa opción para aumentar a diversidade do produto e mitigar os riscos relacionados coas crises de produción”, cun cereal que permite obter beneficios con explotacións moi reducidas e impulsar o emprego feminino e da mocidade, apunta a FAO, que destaca que é apto para as persoas con alerxia ao gluten e moi recomendábel nunha dieta saudábel.

Desenvolver a produción de millo miúdo pode “contribuír aos nosos esforzos colectivos por empoderar os pequenos agricultores, alcanzar o desenvolvemento sostíbel, eliminar a fame, adaptarnos ao cambio climático, promover a biodiversidade e transformar os sistemas agroalimentares”, defendeu QU Dongyu, director xeral da FAO, durante a presentación do Ano Internacional, que buscan concienciar sobre os beneficios do paínzo e incrementar o seu cultivo. 

Enfrontar a fame

Os datos da Organización das Nacións Unidas estiman que 800 millóns de persoas pasaron algún nivel de fame en 2021, unha cifra que se eleva até 30% da poboación mundial se temos en conta as persoas que teñen dificultades para adquirir os alimentos que necesitan. A fame está detrás de arredor de 16% das mortes no mundo.

Nese sentido, a aposta da ONU non só se reduce á inseguridade alimentar actual -e que nun ou noutro grao segue presente nos cinco continentes, e padecen de forma especialmente grave sobre todo países africanos (como Etiopía, Nixeria ou Sudán do Sur) ou asiáticos (Iemen ou Siria)-, senón á futura, tendo en conta que as estimacións de aumento demográfico alónganse cando menos até o final deste século, e constatando que cada día faise máis complicado lograr un dos principais Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel marcado pola ONU para 2030: o de acabar coa fame.

Comentarios