A COP15 trata de fixar un marco global para protexer a biodiversidade

Delegacións de 196 Estados participan na COP15 que comeza esta cuarta feira no Canadá, coa ONU e as entidades ecoloxistas reclamando ambición á hora de debater un acordo que aspira a protexer 30% da masa terrestre e marítima do planeta.
António Guterres en Montreal a terza feira. (Foto: Paul Chiasson / Canadian Press via / DPA)
photo_camera António Guterres en Montreal a terza feira. (Foto: Paul Chiasson / Canadian Press via / DPA)

A cidade canadense de Montreal acolleu a cuarta feira a inauguración da Conferencia sobre Diversidade Biolóxica da Organización das Nacións Unidas (ONU), COP15, que se desenvolverá até o vindeiro 19 de decembro co obxectivo de asinar un acordo global que garanta a protección da natureza, nunha cimeira organizada conxuntamente polo Canadá e a China.

Este pacto ten que ser “ambicioso e efectivo, con obxectivos e criterios claros”, defendeu Inger Andersen, directora executiva do Programa para o Medio Ambiente da ONU, salientando que o tempo se está a esgotar para frear a perda de especies no mundo.

A institución liderada por António Guterres trasladou que a actividade humana afectou 75% da masa terrestre e 66% dos océanos, con ecosistemas como as zonas húmidas nos que foi destruído máis de 85% do total, unha situación que xerou que até unha cuarta parte das especies do planeta se atopen ameazadas polo risco de extinción.

“O camiño está cheo de obstáculos e haberá que reconciliar algúns puntos de vista e posturas que son moi distintas”, afirmou Steven Guilbeault, ministro de Medio Ambiente do Canadá.

No documento base están recollidas varias das propostas de entidades ecoloxistas como Greenpeace ou SEO/Birdlife, que coinciden en reclamar “ambición” nas conversas. Entre os 20 obxectivos que se negocian está protexer 30% da zona terrestre do planeta e a mesma porcentaxe dos mares.

Así e todo, tamén se inclúen metas de redución do uso de pesticidas, a eliminación de axudas públicas ás actividades que afecten negativamente á biodiversidade ou o estabelecemento dun fondo anual de 95.000 millóns de euros sufragado polos países con máis ingresos e dirixido aos Estados en vías de desenvolvemento.

Un intre decisivo

A responsábel de bosques de Greenpeace no Estado español, Mónica Parrilla, cualificou o cumio como “un momento decisivo para a biodiversidade do planeta do que dependemos como especie”, mentres que SEO/Birdlife lembrou que o departamento de biodiversidade da ONU estimou que até un millón de especies poden extinguirse no mundo no caso de non implantar accións decisivas nesta década, abrindo a porta ao colapso dos primeiros ecosistemas.

Pola súa parte, un estudo do Fondo para o Medio Ambiente Mundial elevou até 10 millóns o número de especies que poderían extinguirse de non actuar.

Comentarios