19 millóns de persoas, con fame no Iemen

Malia que a atención de boa parte do mundo quedou fixada en Ucraína, tamén hai outros conflitos bélicos no mundo que están a xerar crises humanitarias sen precedentes. De feito, a ONU reitera desde hai varios anos que é no Iemen onde se atopa a peor situación en todo o planeta, levando a fame a dúas de cada tres persoas.
Situación territorial no Iemen por mor da guerra que comezou en 2014. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Situación territorial actual no Iemen por mor da guerra que comezou en 2014 (Infografía: Nós Diario).

Entre xuño e decembro, até 19 millóns de persoas no Iemen non poderán satisfacer as súas necesidades alimentarias, un máximo histórico na que xa era a peor crise humanitaria do planeta, alertaron conxuntamente a Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Alimentación e a Agricultura (FAO), o Programa Mundial de Alimentos da ONU (PMA) e o Fondo da ONU para a Infancia (Unicef).

Dous de cada tres habitantes no país de Asia Occidental pasarán fame, ao elevar a última actualización da Clasificación integrada da seguridade alimentaria en fases do Iemen as necesidades de asistencia humanitaria en 1,6 millóns de persoas máis, unha "terríbel crise de fame que se cambalea agora ao fío da catástrofe absoluta", destaca a ONU.

Na fase de emerxencia de fame, unha das máis graves, inclúense até 7,3 millóns de persoas, nun conflito bélico que afecta especialmente as máis novas, con "niveis elevados e persistentes de malnutrición aguda entre as crianzas menores de cinco anos, unha realidade que padecen 2,2 millóns de nenas e nenos, así como 1,3 millóns de mulleres embarazadas ou nais lactantes.

A crise alimentaria provocada pola guerra tamén dificulta que, incluso habendo axuda dispoñíbel, as "nais e pais non poden levar con frecuencia as crianzas aos centros de tratamento porque non poden asumir o custo do transporte ou os seus propios gastos mentres as menores precisan asistencia", advirte a institución.

Catherine Russell, directora executiva de Unicef, aseverou que "cada vez máis nenos déitanse con fame no Iemen", asemade, "están expostos a un risco maior de sufrir deficiencias físicas e cognitivas, e até de morrer, xa non podemos pasar por alto a difícil situación das crianzas", resolveu.

Os porqués da fame

A situación política no Iemen intensificou a súa deterioración en setembro de 2014. Tras protestas multitudinarias na capital, Saná, en contra das políticas de Abd Rabbuh Mansur Hadi, presidente de consenso na procura dun acordo entre as distintas forzas, o movemento hutí lanzou un ataque e fíxose coa cidade en poucos días, obrigando a Hadi a asinar un tratado de paz que acabara coa violencia. Os hutís, autodenominados Ansar Allah, son un grupo político-militar de varias correntes islámicas, aínda que predominantemente zaidí chiíta.

Unha vez que Hadi renegou do acordo, Arabia Saudita, liderando un conxunto de Estados rexionais como Baréin, Kuwait, Catar e Emiratos Árabes Unidos, desencadeou unha ofensiva militar en marzo de 2015 apoiada polos Estados Unidos para restabelecer o seu antigo aliado no poder.

Amais do uso de mercenarios, a principal actuación da coñecida como "coalición internacional" é o bombardeo aéreo constante das zonas controladas polos hutís, que tamén son as máis poboadas do país, aproveitando o seu dominio do espazo aéreo e tendo en conta que o movemento hutí nese eido apenas conta con algúns drons dedicados á sabotaxe das instalacións sauditas, sobre todo infraestrutura petrolífera.
Nestes sete anos, 24.876 bombardeos foron lanzados contra o Iemen, denuncia o Yemen Data Project, que estima 8.970 mortes civís durante o conflito. Non obstante, esta campaña non evita que, paulatinamente, os hutís continúen avanzando e gañando territorio, nos últimos meses, na Gobernación de Marib.

Falta de asistencia humanitaria

A guerra provocou desprazamentos masivos, restricións de acceso humanitario, interrupción de servizos públicos, bloqueo dos portos, crise de combustíbel e trastornos económicos, o que levou ao encarecemento dos poucos alimentos dispoñíbeis, que xa antes da deflagración armada dependían das importacións. Con todo, a ONU salienta que un dos motivos da situación límite a nivel alimentario é a "redución na asistencia humanitaria por mor da escaseza de fondos", o que provocou "maiores niveis de vulnerabilidade para a maioría da poboación", que depende desta axuda.

As distintas análises efectuadas periodicamente polo organismo subliñan que "sen unha solución permanente [á guerra] é pouco probábel que todas as demais medidas de mitigación teñan efectos duradeiros".

Comentarios