Máis de 900 millóns de persoas en todo o mundo sofren fame crónica

Os sistemas de produción dos pobos orixinarios son máis resilientes.
Un dos factores que destacan os investigadores da alimentación indíxena é a combinación de alimentos silvestres e de cultivo. (Foto: Alianza Alimentaria)
photo_camera Un dos factores que destacan os investigadores da alimentación indíxena é a combinación de alimentos silvestres e de cultivo. (Foto: Alianza Alimentaria)

Os conflitos, a variabilidade e os fenómenos extremos do clima -agudizados pola mudanza climática-, os problemas nas cadeas de distribución e a inestabilidade económica, "agravada por causas subxacentes como a pobreza e uns niveis de desigualdade altos e persistentes", son os principais motores da crise alimentaria global que estamos a padecer, revela a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

900 millóns de persoas no planeta vense especialmente afectadas por esta situación, corrobora a entidade, que pon en dúbida a capacidade de xerar alimentos sen incidir de maneira irreversíbel nos recursos naturais. A agricultura é a responsábel de 80% da deforestación e consome 70% da auga doce que se utiliza cada ano.

Porén, aínda que houbese "suficiente potencial de produción no mundo no seu conxunto, seguiría a haber problemas de seguridade alimentaria", conclúe, "xa que centenares de millóns de persoas carecen dos cartos para comprar o que precisan ou dos recursos para producilos elas mesmas". Para procurar solucións a sistemas alimentarios con contradicións cada día máis profundas, a FAO recomenda ollar cara aos pobos indíxenas, gardiáns do 80% da biodiversidade do planeta.

Un estudo multidisciplinar liderado polo organismo resolveu que as 476 millóns de persoas que pertencen a pobos indíxenas, e que abarcan 28% da superficie terrestre, teñen uns sistemas alimentarios moito máis resilientes e sostíbeis que poden ter a chave para achegar solucións que garantan a viabilidade da produción de alimentos no resto do mundo, no caso de que se teñan en conta á hora de elaborar políticas públicas. Nese sentido, a entidade puxo en marcha diversos grupos de traballo para elaborar guías prácticas e estudar a súa integración en sistemas moito máis amplos, a raíz da publicación o ano pasado do Libro Branco Whipala sobre sistemas alimentarios dos pobos indíxenas.

Ese traballo, o máis importante até o de agora nesta póla, explica que os sistemas alimentarios indíxenas "implican a xeración de alimentos a través de múltiples áreas diferenciadas da paisaxe, e dunha rica diversidade de especies, variedades e razas", amais, supoñen unha mestura de alimentos silvestres e cultivados, "e cando estes sistemas teñen algún grao de integración co mercado, polo xeral mantense un nivel de uso dos cultivos tradicionais".

Unha visión integral

Este sistema está baseado nun "coñecemento profundo da súa contorna e dos ciclos asociados, permitíndolles aproveitar os numerosos recursos dispoñíbeis e detectar os cambios medioambientais", respectando a estacionalidade dos produtos e os límites dos ecosistemas. Ao tempo, a entidade subliña a importancia de "valores de reciprocidade, administración e reverencia cara á natureza", apoiada por sistemas de goberno colectivos.

En contraste, no modelo de cultivo intensivo e dun único produto "redúcese deliberadamente a complexidade dos ecosistemas para unha máxima eficiencia e rendemento", sacrificando a biodiversidade por unha maior seguridade alimentar. Lembra a entidade que a homoxeneización dos cultivos implica a perda de resiliencia fronte ás "enfermidades, as pragas e o cambio climático".

A importancia da seguridade alimentar durante todo o ano

Os pobos aimara e quechua garanten a súa seguridade alimentar desde hai cinco mil anos co chuño, unha pataca á que se lle extrae arredor do 80% da auga por medio de sucesivas conxelacións e exposicións ao sol. O chuño pode aguantar até 20 anos en perfecto estado antes de ser consumido, e é un dos elementos máis importantes da gastronomía andina. Pódese consumir enteiro ou facer fariña, e úsase até para a elaboración de sobremesas.

Comentarios