As aseguradoras bloquean as exportacións de gran ucraíno polo corredor humanitario

Despois de alertar nos últimos días desta posibilidade no caso de que non se reactivase o acordo para o corredor humanitario, as empresas de seguros fechan definitivamente a posibilidade de continuar cos envíos de gran nesta situación.
Edificio utilizado como base por Rusia en Izium e recuperado por Ucraína, a segunda feira (Foto: Ukrinform / dpa).
photo_camera Edificio utilizado como base por Rusia en Izium e recuperado por Ucraína, a segunda feira (Foto: Ukrinform / dpa).

As empresas aseguradoras que estaban ofrecendo cobertura ás exportacións de gran ucraíno polo corredor humanitario no mar Negro resolveron bloquear novas pólizas para a carga enviada desde o país eslavo, revelou Reuters citando fontes do sector, o que na práctica supón frear a saída de cereais por esa vía. Tres novos buques abandonaron onte os portos ucraínos no mar Negro, sen que estean previstas novas saídas hoxe, indicou o centro de coordinación en Istambul (Turquía).

Recep Tayyip Erdogan, o presidente turco e un dos mediadores do acordo, anunciou que falará os próximos días cos seus homólogos en Ucraína, Volodimir Zelenski, e Rusia, Vladimir Putin, para restabelecer as exportacións.

Ao tempo, Moscova ratificou que os servizos de seguridade do país apuntan cara aos militares británicos por supervisar e coordinar -xunta Ucraína- o ataque con drons a buques militares e civís que formaban parte do corredor humanitario, o que motivou a retidada do acordo conxunto con Ucraína, Turquía e a Organización das Nacións Unidas (ONU).

Esta decisión foi cuestionada polo secretario xeral adxunto da ONU para Asuntos Humanitarios, Martin Griffiths, que asegurou no Consello de Seguridade que “cando os navíos do acordo non están na área, o corredor non ten un status especial".

Pola súa parte, Moscova critica que a institución non se implique no cumprimento do pacto, que tamén inclúe a exportación de cereais e fertilizantes procedentes de Rusia, e que, segundo o Kremlin, está bloqueada polos membros da Unión Europea.

O bloque comunitario coincidiu con Ucraína en que esta decisión é unha “chantaxe” ao mundo coa fame de por medio.

Rusia tamén reiterou que “o Reino Unido está relacionado co ataque terrorista contra infraestruturas enerxéticas internacionais”, destacou onte o voceiro do Kremlin, Dimitri Peskov,  arredor dos gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2, que foron afectados por explosións rexistradas o 26 de setembro.

A información sobre a dirección e coordinación británica do ataque contra os gasodutos, que unen Rusia con Alemaña, “debería ser analizada moi detidamente, agardamos esta análise a pesar do silencio inadmisíbel das capitais europeas”, insistiu, afirmando que “pensaremos nos próximos pasos”.

Kíiv recupera subministracións

O alcalde de Kíiv, Vitali Klitschko, fixo público que o abastecemento de auga a 350.000 fogares en Kíiv foi recuperado, do mesmo xeito que a subministración de enerxía, que afectara 80% das casas da capital tras os ataques rusos da segunda feira en 10 rexións ucraínas. Klitschko subliñou que continuarán efectuando apagadas “posto que o déficit no sistema eléctrico, despois dos bárbaros ataques do agresor, é importante”.

Durante a madrugada de onte, catro mísiles rusos impactaron na cidade de Mykolaiv, provocando cando menos o falecemento dunha persoa.

Mentres, Sergei Shoigu, ministro de Defensa ruso, sostivo que Ucraína volveu bombardear a zona da central nuclear de Zaporijia, os puntos de evacuación de civís e de distribución de axuda humanitaria.

En Khersón, onde as autoridades rusas deran por concluída días atrás a evacuación de 80.000 persoas, ampliouse onte en 15 quilómetros o radio de evacuación, por mor da suposta ameaza de que Ucraína lance un ataque masivo contra o encoro de Kakhovka.

No que atinxe  á denuncia rusa na ONU de que os militares ucraínos están a preparar un ataque cunha arma nuclear de baixo rendemento para acusar Moscova, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica comezou onte a súa inspección en instalacións nucleares controladas polo Goberno de Zelenski.

A entidade adiantou que as conclusións iniciais serán transmitidas ao final desta semana, tras aceptar o convite ucraíno para revisar os dous lugares nos que Moscova alegou que estarían a preparar a denominada como “bomba sucia”.

Finlandia pide acelerar o ingreso na OTAN

A primeira ministra finlandesa, Sanna Marin, instou nunha rolda de prensa con mandatarios nórdicos a que Hungría e Turquía aproben canto antes a entrada de Finlandia e Suecia na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Budapest e Ancara son os únicos membros da alianza militar liderada polos Estados Unidos que aínda non ratificaron o seu acceso, que en primeira instancia fora avalado por Turquía a cambio da entrega de kurdas e kurdos que o Executivo de Erdogan considera terroristas, multiplicando as preocupacións polas implicacións a nivel de dereitos humanos do pacto.

Arredor desta cuestión, o xornal finlandés Iltalehti revelou que o proxecto de lei para a incorporación á OTAN non inclúe ningunha clase de exclusión, polo que poderían instalarse armas nucleares e bases militares no seu territorio. Fontes de Defensa confirmaron que o compromiso coa alianza militar incluía evitar calquera restrición a este respecto, contrariamente ao declarado por Marin no comezo do proceso.

O Centro para o control e a non proliferación de armas estima que os Estados Unidos teñen 100 armas nucleares despregadas en Bélxica, Alemaña, Italia, Países Baixos e Turquía, á vez que Francia e o Reino Unido contan con 400 armas deste tipo despregadas.

Comentarios