Milleiros de persoas desfilan en Lisboa polo 25 de abril

Na segunda feira tivo lugar a conmemoración solemne do 25 de abril na Assembleia da República de Portugal. Tamén decorreu o tradicional desfile na lisboeta Avenida da Liberdade. A ultradereita do Chega renegou do Grândola Vila Morena, abandonando a Assembleia mentres soaba.
Manifestación en lembranza da Revolución dos Cravos de 2022. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación en lembranza da revolución dos cravos na segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A sesión solemne das conmemoracións do 48 aniversario do 25 de abril tivo lugar a segunda feira na Assembleia da República de Portugal e contou con discursos de representantes dos oito partidos con asento parlamentario, así como do presidente da Assembleia da República, Augusto Santos Silva (PS), e do Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa (PSD).

O Presidente da República escolleu dedicar o seu discurso do 25 de Abril ás Forzas Armadas. "Hoxe falo do que vén do comezo de Portugal: as nosas Forzas Armadas, garantes da independencia e da soberanía", dixo Rebelo de Sousa. Santos Silva dedicou principalmente o seu discurso á emigración e ás comunidades residentes no estranxeiro, que "foron decisivas para o éxito da democracia e do desenvolvemento nacional".

Pedro Delgado Alves, do PS, recordou Jorge Sampaio, ex presidente que morreu en setembro e que, "por primeira vez, non acompañará a cerimonia". Sampaio, afirmou Delgado, foi un exemplo do "respecto, cordialidade e convivencia" que son "esenciais para a democracia".

A líder parlamentaria do PCP, Paula Santos, defendeu que "as conquistas, valores e ideais de Abril son a solución para os problemas actuais e para o futuro" de Portugal. "A loita dos traballadores e do pobo por mellores salarios e pensións, polo reforzo dos dereitos, pola protección social, polo Servizo Nacional de Saúde, pola Escola Pública, polo dereito á vivenda, á cultura, aos transportes, á seguranza, pola igualdade, pola protección do ambiente, é a loita pola política alternativa, é a loita por Abril".

O deputado do BE José Soeiro invocou as “Novas Cartas Portuguesas”, libro publicado hai 50 anos, perseguido pola ditadura salazarista porque confrontaba o machismo e o colonialismo, e a memoria dunha revolución que “non ficou á espera”.

A bancada do Chega (ultradereita) retirouse cando se comezou a cantar o Grândola Vila Morena, himno da revolución dos cravos do 25 de abril.

O Presidente angolano, João Lourenço, considerou na segunda feira que o 25 de abril “abriu camiño”, en conxugación coa loita dos pobos das antigas colonias portuguesas, para a “construción dunha vibrante democracia en Portugal” e sinalou a “vibrante e frutuosa cooperación”.

Na segunda feira tamén tivo lugar o desfile na lisboeta Avenida da Liberdade que cada ano conmemora o aniversario da revolución.

Comentarios