A dereita dificulta a conmemoración do 25 de abril

A Comisión promotora decide nunha xuntanza onte ao serán se continúa a celebración pública en Lisboa.
O capitán Maia diríxese a poboación que saiu á rúa o 25 de abril. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O capitán Maia diríxese a poboación que saiu á rúa o 25 de abril. (Foto: Nós Diario)

O 25 de abril de 1974, unha operación instigada polo Movemento das Forzas Armadas (MFA), desatada ao soar Grândola Vila Morena en Rádio Renascença, rematou coa ditadura en Portugal, que se alongara durante 48 anos.

Democratizar, descolonizar e desenvolver foi o obxectivo dos participantes na Revolución dos Cravos, que desencadeou os procesos de independencia das antigas colonias portuguesas no mundo, rematou coa represión e levou a unha nova etapa democrática na República portuguesa.

2020 foi o primeiro ano desde 1975 que o país non viviu unha celebración pública pola situación derivada da pandemia.

Tradicionalmente, a data conmemórase cunha sesión no Parlamento e un desfile multitudinario en Lisboa, mais a xuntanza na cámara tivo que reducirse a entre 110 e 130 persoas, entre elas os tres cargos máis importantes do Estado: o presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, o primeiro ministro, António Costa e o presidente do Parlamento, Eduardo Ferro Rodrigues.

Un ano despois, a pandemia da Covid-19 tamén vai influír na 46º celebración do 25 de abril, nun proceso de organización definido polas protestas da dereita para desfilar en contra das restricións marcadas pola pandemia.

Neste ano, a comisión promotora do evento, que inclúe partidos políticos, sindicatos e asociacións, como 25 de Abril, coordinara coa Dirección Xeral de Saúde portuguesa o desenvolvemento das conmemoracións, cun límite de 1.000 persoas no desfile que tería que indicar á comisión.

Protestas da dereita

Os partidos Volt e Iniciativa Liberal protestaron contra esa decisión e acusaron a comisión promotora de excluílos, mais mantiveron a súa postura de aparecer, sexa  como for, na conmemoración.

“O 25 de Abril é de todas e todos os cidadáns que confíen na causa da liberdade”, sinalou a TSF o dirixente do Bloco de Esquerda, Fabian Figueiredo, “as persoas hoxe son moi conscientes do que é preciso facer para estarmos unhas coas outras en condicións de seguridade”, resolveu.

O Partido Comunista portugués, se ben denunciou na comisión “accións de provocación de cariz fascistizante” co obxectivo de reducir “o alcance e o significado das accións conmemorativas”, aclarou por medio de Jerónimo de Sousa, o seu secretario xeral, que o “domingo, nas conmemoracións populares, evoco a canción de Zeca Afonso: 'Sexan benvidos, aqueles que veñen por ben'”, declarou.

A Asociación 25 de abril, unha das principais entidades que integran a comisión promotora dos festexos do 25 de abril, liderada por Vasco Lourenço, un dos capitáns de abril, respondeu nun comunicado ás acusacións de Volt e Iniciativa Liberal explicando que “contrariamente á política de abertura e alongamento á participación de todos os defensores dos valores de abril”, a pandemia obriga a “restrinxir a participación no desfile ás organizacións que constitúen a comisión promotora”, como único modo de poder cumprir coas exixencias e o protocolo de saúde definido polas autoridades sanitarias.

Festexo en dúbida

Nunhas declaracións recollidas onte por Público, Lourenço comunicou que, diante da polémica creada, convocou unha nova xuntanza para a mesma tarde, na que tocaba “analizar a situación e exixir que todas asuman as responsabilidades polos seus actos”.

Lourenço recoñeceu que todas as opcións estaban enriba da mesma, incluso a de cancelar o desfile na avenida da Liberdade de Lisboa. Tamén sinalou que a asociación terá que avaliar a súa continuidade na comisión promotora dos festexos. Mais á hora de feche desta edición a comisión promotora aínda non fixera pública a súa decisión.

25 de abril na Galiza

A Asociación José Afonso da Galiza organiza para este domingo 25 de abril os actos principais na Galiza de conmemoración da Revolución dos Cravos.

Ás 12 da mañá, o patio do Burgo das Nacións, en Compostela, acollerá o acto Vozes da liberdade, en lembranza de José Afonso e Benedicto. Contará coa actuación musical do grupo Falua e un canto colectivo do "Grândola".

Xa pola noite, na canle de Twitch de Orgullo Galego conversarán Paulo Esperança e Odilo González, vicepresidente e presidente respectivamente da asociación José Afonso na Galiza.

Comentarios