Que une o Zeca Afonso coa Galiza?

En Compostela interpretou por vez primeira, hai 50 anos, o xa mítico 'Grândola, Vila Morena'. O Zeca defendía que "Galiza non é España" e que a súa cultura garda "moitas semellanzas" coa portuguesa.
Mural en lembranza do Zeca Afonso no Burgo das Nacións de Compostela. (Foto: AJA Galiza)
photo_camera Mural en lembranza do Zeca Afonso no Burgo das Nacións de Compostela. (Foto: AJA Galiza)

O núcleo na Galiza da Associaçom José Afonso (AJA Galiza) celebrou este domingo o 50 aniversario do histórico concerto de José Afonso, o Zeca, no Burgo das Nacións de Compostela, o 10 de maio de 1972.

Neste escenario o artista interpretou por vez primeira ante o público o Grândola, Vila Morena, que menos de dous anos despois tornou no canto da Revolução dos Cravos.

Para conmemorar este fito a AJA Galiza realizou un acto de memoria no mesmo lugar coa presenza do seu presidente, Odilo G. Carnero; o concelleiro compostelán Rubén Prol e o artista e asistente ao concerto de 1972, Nolo Suárez.

Acto decorrido este domingo en Compostela. (Foto: AJA Galiza)
Acto decorrido este domingo en Compostela. (Foto: AJA Galiza)

A música correu a conta de Falua e Manuel Teixeira, que interpretaron diferentes temas da música galega e parte do repertorio do Zeca Afonso, incluíndo o xa mítico Grândola.

"Galiza non é España"

Nunha entrevista concedida en 1985 ao xornal A Nosa Terra e asinada por Xan Carballa, o Zeca subliñou: "Hai unha gran confusión en Portugal sobre Galiza, e xa estou farto de falar e explicar por todo lugar que Galiza non é España, que é un país diferente, cunha cultura propia, unha lingua semellante á nosa… pero a xente non quer comprender, non se dá por enterada".

Aliás, precisou: "Galiza sempre foi unha pátria de poetas. Coñezo pouco o momento actual da música galega pero sei de Emilio Cao, de Milladoiro... Antes ía frecuentemente por Galiza e sei perfectamente que hai unha opresión lingüística e política; naqueles anos era unha minoría quen defendían a cultura galega".

Sobre a situación do idioma galego, dixo: "A lingua ten que ser defendida nas rúas, en todos lados; introducir o galego en todos os hábitos cotiáns é a única maneira de resistir".

Comentarios