Galegas no Portugal revolucionario de abril

O 25 de abril de 1974 abriuse un novo tempo político en Portugal cuxa influencia chegou á Galiza. Mentres o réxime franquista condenaba ao cárcere, ao exilio ou á morte, a militancia democrática, a alianza fraterna do pobo e da milicia lusa poñían remate á ditadura máis antiga de Europa. A fronteira artificial que non puido separar a irmandade de dúas nacións unidas na cultura e no tempo volveuse abrir para que fluísen os ventos da liberdade. Recuperamos a memoria do Portugal de abril da man de tres galegas que viviron alí un exilio de esperanza.
Xan Casabella exilio Portugal
photo_camera Xan Casabella no exilio portugués.

A cineasta e académica Margarida Ledo chegou a Porto en setembro de 1974. A consecuencia da súa participación nun operativo propagandístico do Día da Patria Galega, viuse obrigada a pasar á clandestinidade, permanecendo agochada unhas semanas en diversos pisos da seguridade da Coruña e sendo traslada posteriormente ao país veciño. A tarefa de Ledo, como responsábel da Unión do Povo Galego (UPG) en Portugal, favoreceu a posta en marcha dunha sorte de retagarda para a acción clandestina do nacionalismo contra a ditadura de Franco.

"O Portugal de abril significou para nós unha fronteira franca, un lugar onde poñer os pés sen ser perseguidas", sinala Margarita Ledo a Nós Diario, mentres lembra os traballos para poñer en marcha de novo "un aparato central de propaganda, tras a caída en 1973 do que funcionaba no Morrazo" ao servizo da loita do movemento nacionalista. As experiencias do proceso revolucionario deixaron marcadas a poboación portuguesa pero tamén ducias de exiliadas galegas da ditadura franquista.

"Alí aprendín, particularmente a partir de novembro de 1975, como se move o imperialismo nos momentos chave"

"Foi un proceso no que aprendín a calidez e a calidade da política portuguesa que se percibe tamén neses momentos", afirma Ledo, que apunta que "era difícil o propio proceso revolucionario porque había que ir aprendendo a cada momento. O proceso era absolutamente cotiá e tiña que ver co día a día". A cineasta non esquece o labor de desestabilización na nación veciña dos sectores reaccionarios, cunha implicación moi directa da CIA, a través do embaixador estadounidense en Lisboa Frank Carlucci. "Alí aprendín, particularmente a partir de novembro de 1975, como se move o imperialismo nos momentos chave", conclúe Ledo.

A loita pola vivenda de Xan Casabella

O arquitecto Xan Casabella cruzou a fronteira portuguesa en outubro de 1974. "Eu estaba á espera dun xuízo por uns sucesos acontecidos un ano antes, atopábame en liberdade condicional cumprindo o servizo militar en Ourense. Nun momento determinado os nosos avogados indícannos que debemos saír do Estado e, axudado por uns militantes do Partido Comunista, paso a raia. Desde alí despraceime a Guimarães, onde permanecín un mes apoiado por Santos Simões", comenta a Nós Diario Xan Casabella.

Joaquim Santos Simões foi un intelectual e pedagogo perseguido pola ditadura de Salazar, responsábel do Movimento Democrático Portugués, que facilitou o desprazamento de Casabella a Porto, onde tomou contacto co arquitecto Fernando Távora, que lle posibilitou reincorporase aos seus estudos. "Alí participei nunha das experiencias máis avanzadas do proceso, un programa destinado a posibilitar o acceso á vivenda aos sectores populares, impulsado por un secretario xeral da Vivenda de orixe galega, Nuno Portas, que permitiu ao Goberno a expropiación de determinados predios, a iniciativa das asociacións veciñais para construír vivenda pública", destaca Casabella.

"Tiña moito contacto coa xente da União Democrática Popular (UDP) e estiven presente cando unha gran manifestación da dereita tentou asaltar a súa sede en Porto", recorda Casabella en relación á mobilización de 16 de xuño de 1975. "Empezaron a disparar contra o local da UDP e algúns sentimos como comezaron a convocar xente para tentar tomar un cuartel militar situado na Serra do Pilar. Con outras persoas decidimos desprazarnos ao mesmo para alertar das intencións da dereita e organizar a súa defensa. Alí estivemos varias horas resistindo aquela masa de xente", recorda Casabella, a respecto dunha das máis famosas protestas promovidas pola reacción no marco do coñecido como o "verán quente".

O marabilloso Portugal de Elvira Souto

A lingüista Elvira Souto exiliouse en Portugal após un ano e medio de clandestinidade na Galiza. O asasinato de Moncho Reboiras en agosto de 1975, tras ser localizado nun piso en Ferrol onde residía a propia Elvira, a detención de ducias de militantes nacionalistas ao longo da Galiza e a posta en marcha dunha dura campaña de persecución contra a UPG levou varios membros desta formación a refuxiarse no país veciño. "Eu crucei a fronteira pola raia seca en setembro de 1975, axudada por uns compañeiros", comenta Souto a Nós Diario.

"A xente sentíase orgullosa de pertencer á clase traballadora, ía ás manifestacións coa roupa de traballo".

"Mudabamos aquel mundo horríbel da Galiza da ditadura por aquela cousa marabillosa do Portugal revolucionario", sinala Souto, que apunta ao "gran debate político, cos cafés cheos e a xente falando de política". Souto lembra "os mandos militares como moi próximos ao pobo, como en Cuba, e a xente tratándoos sen medo. Os soldados, liberados desa rixidez castrense, xurando estar sempre ao lado do pobo. E tamén a súa presenza nas manifestacións e a xente berrando SUVE", siglas de Soldados Unidos Vencerán, agrupación de militares comprometidos co procesos revolucionario.

"A xente sentíase orgullosa de pertencer á clase traballadora, ía ás manifestacións coa roupa de traballo, un orgullo que tamén existía aquí daquela e que hoxe se vai perdendo", conclúe Souto, que afirma ter recibido novembro de 1975 "cunha sensación contraditoria porque as novas que chegaban da Galiza eran mellores".

Comentarios