venres 03/12/21

Lula lánzase a polas eleccións de 2022

O Tribunal Supremo do Brasil recoñece que os xuízos dirixidos por Sergio Moro contra Lula da Silva foron parciais, o que acaba por revogar a inhabilitación sobre o ex presidente, que xa encabeza as sondaxes para derrotar Bolsonaro nas eleccións de 2022, 11 anos despois de abandonar a presidencia do Brasil.
Celebración popular con Lula despois da súa liberación en novembro de 2019. (Foto: Paulo Lopes / Zuma Wire / Dpa)
Celebración popular con Lula despois da súa liberación en novembro de 2019. (Foto: Paulo Lopes / Zuma Wire / Dpa)

A volta á área política do Brasil de Luiz Inácio da Silva, Lula, está causando un terremoto político que murcha as opcións de Jair Bolsonaro de recuncar na presidencia do Estado americano.

A anulación das sentenzas contra Lula polo caso Lava Jato sumada á decisión do Tribunal Supremo brasileiro de ratificar, o pasado 23 de abril, que o xuíz Sergio Moro actuou con parcialidade no xuízo contra Lula, confirma que a inhabilitación do ex presidente formou parte dunha campaña executada por Moro para sacar a Lula do taboleiro electoral.

Unha xogada que levou o mesmo Moro a asumir a dirección do Ministerio de Xustiza no Goberno de Bolsonaro.

Tamén o Tribunal Supremo formou parte desa campaña. Hai catro anos, mentres Lula era xulgado, modificou o seu criterio para que unha persoa condenada en segunda instancia puidese entrar na prisión.

Lula saíu da cadea o 8 de novembro de 2019, despois de pasar 580 días privado de liberdade polas sentenzas agora revogadas, ao volver o Tribunal Supremo a súa doutrina orixinal: que a entrada na cadea só podía darse cando houbese unha sentenza firme.

Maila estar fóra de prisión, aínda pesaba contra Lula a inhabilitación derivada deses procesos xudiciais dirixidos por Moro.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O 8 de marzo, Edson Fachin, maxistrado do Supremo, anulou as penas de 25 anos de cárcere contra Lula ao considerar que os dous xuízos nos que se lle condenara -e outros dous que estaban sendo xulgados- foran irregulares e tiñan que desenvolverse en Brasília, a capital federal.

Este veredicto, ratificado o 15 de abril polo Tribunal Supremo do Brasil, asume o que a defensa de Lula levaba anos reclamando, que non tiña que ter xulgado na cidade de Curitiba.

Sergio Moro, maxistrado na cidade, forzou que o proceso contra Lula se dera nesa xurisdición acusándoo de terse aproveitado da corrupción en Petrobras, unha empresa enerxética pública. O Tribunal Supremo acredita que non tiñan relación.

A mediados de 2019, o medio dixital brasileiro The Intercept, revelou conversas de Telegram entre o equipo de fiscais do caso Lava Jato e o xuíz Moro, que amosaban a falta de imparcialidade do xuíz, que instruíu as fiscais para condenar Lula a calquera prezo.

A confirmación da parcialidade na actuación de Moro chegou a pasada sexta feira, coa decisión do Tribunal Supremo, que ademais implica que Lula recupera todos os seus dereitos políticos e pode presentarse ás eleccións previstas para 2022.

O recurso de Lula sobre a parcialidade de Moro estivo paralizado durante máis de dous anos no Supremo.

Eleccións 2022

A expectación desatada pola posíbel candidatura de Lula nas presidencias de 2022 polo Partido dos Traballadores (PT), despois de gobernar o Brasil entre 2003 e 2011, tivo un efecto inmediato nos estudos de opinión.

O barómetro de marzo de PoderData pon Lula e o PT catro puntos por diante de Bolsonaro na primeira rolda (34% e 30% respectivamente). Na segunda ronda, Lula superaría o actual presidente por 20 puntos (60% contra 40%).

Despois de facerse pública a decisión do Supremo, Lula abriuse a formar parte dunha candidatura “para gañar as eleccións a un fascista chamado Bolsonaro”, sinalou o ex presidente.

O Brasil superou o domingo as 390.000 vítimas de Covid-19

Despois dos EUA, Brasil é o país co maior número de mortes por Covid-19 do planeta. A pesar diso, Bolsonaro négase a aceptar as restricións e corentenas que algúns territorios tentan impor para controlar a expansión da pandemia, até o punto de que o sábado ameazou con sacar o Exército á rúa se as gobernacións rexionais manteñen as medidas que segundo el xeran "caos" e limitan as liberdades individuais.

A xestión da pandemia, con máis de 14 millóns de casos no Estado, está a ser criticada até por integrantes do Goberno de Bolsonaro, que hai un ano destituíu Henrique Mandetta, ministro de Saúde, por defender as restricións. Amais, un estudo da Universidade de Michigan concluíu que Bolsonaro "obstaculizou unha resposta efectiva nas políticas de saúde" a pesar do potencial do Brasil para frear a pandemia.

Lula lánzase a polas eleccións de 2022
comentarios