O incerto camiño de Lula cara ás eleccións de 2022

Lula da Silva podería volver ser candidato a presidir o Brasil. A decisión dun xuíz do Tribunal Supremo a respecto da invalidez do proceso xudicial polo que fora condenado anula a súa inhabilitación política e ábrelle as portas a loitar polo liderado, primeiro, da esquerda e, segundo, do país. Decisión xudicial que dá inicio á campaña electoral.
EuropaPress_2477849_09_november_2019_brazil_sao_paulo_former_brazilian_president_lula_da_silva
photo_camera Lula da Silva, tras a súa saída de prisión, en novembro de 2019 (Foto: Paulo Lopes / Zuma Press)

Lula da Silva, de 75 anos de idade, participou en todas as eleccións desde a volta da democracia ao Brasil en 1985. En todas agás nas de 2018, cando foi inhabilitado tras ser condenado por corrupción e lavado de diñeiro. Naquela altura, o líder do esquerdista Partido dos Trabalhadores (PT) superaba nas sondaxes o actual presidente do país, o ultradereitista Jair Bolsonaro.

A anulación nas últimas horas desas condenas por parte dun maxistrado do Supremo Tribunal Federal (STF) abre a porta á volta á primeira liña política de Lula, como é coñecido popularmente e nos medios. Ábrelle a porta a unha hipotética candidatura ás presidenciais do ano que vén para se enfrontar con Bolsonaro. Porque a decisión do maxistrado Edson Fachin, aínda que non o exonera dos supostos delitos, si que anula a inhabilitación.

Fachim considera que o tribunal que xulgou a Lula non era competente para o facer. Esta decisión individual causou sorpresa entre o resto de xuíces do STF, aínda que a xustiza brasileira contempla este tipo de medidas unilaterais, explica a prensa do país. A corte suprema brasileira está composta por dúas 'turmas' ou salas, con cinco 'ministros' cada unha (o presidente do STF non participa).

"O ministro e seus aliados no Supremo consideram que o relator da 'Lava Jato' passou por cima da Segunda Turma ao tomar sozinho uma decisão que esbarrou na que seria tomada em colegiado" ─é dicir, en conxunto─, informaba onte o xornal O Globo a respecto do malestar do presidente desta segunda sala do STF, Gilmar Mendes (que ten título de 'ministro' no Brasil), pola decisión de Fachin no famoso caso de corrupción por desvíos de diñeiro na petroleira estatal Petrobras.

A fiscalía xeral brasileira apelará a decisión e levará o caso á Segunda Turma ─onde están Fachin e Mendes─, de acordo coa información achegada na web da institución. De prevalecer a decisión de Fachin, os cargos contra Lula pasarán á Justiça Federal.

"'Lawfare' contra Lula"

Onte mesmo estaba previsto que esta Segunda Turma analizase o papel do ex xuíz Sergio Moro, presidente do tribunal de Curitiba que en xullo de 2017 condenou a Lula a nove anos e seis meses de prisión por corrupción pasiva e lavado de diñeiro, acusado de recibir subornos en forma de renovación dun piso en São Paulo. 

A defensa de Lula emitiu unha nota, recollida pola estatal Agência Brasil, insistindo na "inocência do ex-presidente Lula e o lawfare [termo inglés para referirse ao ataque contra rivais políticos utilizando indebidamente os procedementos legais] que estava sendo praticado contra ele".

Neste sentido, A Folha apuntaba unha previsíbel imputación de Moro por parcialidade. "Com isso, todas as provas colhidas nos processos contra Lula que tramitaram na 13ª Vara Federal de Curitiba ficariam anuladas. E toda e qualquer investigação contra ele teria que recomeçar do zero", sinalaba onte.

Comeza a campaña

Todas estas manobras xudiciais enténdense entre os analistas como o disparo de saída da campaña electoral. Tamén O Globo recollía onte a opinión de dirixentes e líderes do PT, que consideran que Lula acabará candidatándose. "Não apostam, porém, que ele faça isso imediatamente, para manter o cenário eleitoral incerto para os adversários", apuntaba. 

Até agora o posto semellaba estar reservado para o ex alcalde de São Paulo Fernando Haddad, mais xa declarara en entrevistas que en caso de se anular a inhabilitación de Lula, debía ser este quen optase ao Palácio de Planalto. Haddad perdeu en segunda volta en 2018 ante Bolsonaro.

A chave agora estará na pelexa por capitalizar o voto da esquerda, que o PT disputa con tres formacións: Partido Democrático Trabalhista (PTD, centro-esquerda); Partido Socialista Brasileiro (PSB, socialdemócrata); e Partido Socialismo e Liberdade (PSOL, escisión do PT). Os seus dirixentes celebraron a decisión de Fachin, mais ven lonxe unha candidatura conxunta arredor de Lula. 

Lula vs. Ciro

Especialmente o PDT é o que contaba até agora con mellores expectativas. O seu presidente, Carlos Lupi, confirmou que a candidatura de Ciro Gomes ─ministro con Lula─ se mantén. Gomes preséntase como alternativa entre o "bolsonarismo boçal [rabioso]" e o "lulopetismo [de Lula e PT] corrompido". 

Lupi ─tamén ex ministro de Lula─ declarou onte: "Nada muda no primeiro turno. Teremos Lula e Ciro. No possível segundo turno contra Bolsonaro, estaremos juntos. Ciro representa o futuro; Lula, o passado". Argumentou que o ex presidente "hoje não se adaptaria à realidade do Brasil".

Desde o PSB sinalaron que é cedo para definir se irán da man con Lula da Silva, con Ciro Gomes ou se lanzarán candidatura propia. E desde o PSOL lembraron que o xuízo a Lula comezará de cero, mais non foi anulado. "Hoje Lula poderia disputar a eleição, mas, até 2022, conhecendo tudo o que se passa no país, é bom acompanharmos com cautela", sinalou Marcelo Freixo, unha das principais figuras dentro do partido.

Lula volve superar a Bolsonaro nas sondaxes

"Sempre teve uma forte ligação com o PT", sinalou Bolsonaro a respecto do xuíz Fachin e da decisión sobre Lula en declaracións a CNN Brasil. "Não pode, em hipótese alguma, um homem só ser senhor desse julgamento", afirmou, e engadiu que "agora esperamos que a turma do Supremo restabeleça os julgados". 

O virtual regreso de Lula chega nun momento en que o Goberno está na mira da opinión pública polo risco de colapso dos hospitais de varios Estados brasileiros pola Covid. Bolsonaro e os seus partidarios ─ultraconservadores relixiosos ou grupos agrícolas industriais e de seguridade─ senten unha especial aversión cara á esquerda lulista e o PT.

Segundo unha enquisa publicada na fin de semana por Estadão, 50% dos consultados votarían ou poderían votar por Lula (44% nunca o farían), en tanto que por Bolsonaro optaría 38% e 56% rexéitao de cheo.

Comentarios