Inicia o ano máis "populista" de Bolsonaro

Conta cos índices de rexeitamento máis altos desde a volta da democracia. Acaba de ser sinalado como principal responsábel da  morte de miles de persoas durante a pandemia da Covid. O paro sobe, a inflación medra, a fame avanza. E, con todo, o presidente Jair Bolsonaro non se pode dar por morto de cara aos comicios de outubro de 2022.
EuropaPress_3873819_handout_06_august_2021_brazil_joinville_president_of_brazil_jair_bolsonaro
photo_camera O presidente brasileiro, cun residente da cidade de Joinville, durante unha visita oficial ao sur do país o pasado mes de agosto (Foto: Alan Santos / Palácio do Planalto)

O presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, inicia o último ano de mandato antes das eleccións de outubro de 2022 (a segunda volta está prevista para o día 30 dese mes), coas sondaxes marcando unha avultada taxa de desaprobación. Taxa que podería mesmo medrar nos próximos inquéritos logo de que a comisión do Senado encargada de investigar a xestión da pandemia da Covid-19 aprobase esta semana pedir á xustiza a inculpación do mandatario por nove delitos.

O informe foi entregado na cuarta feira á Fiscalía Xeral para que a denuncia inicie o percorrido xudicial. Son un total de 80 altos funcionarios brasileiros os sinalados, incluído Bolsonaro e os tres fillos del que ocupan cargos políticos. Tamén, o gobernador do Estado do Amazonas, catro ministros e varios ex ministros. Todos, paladíns do negacionismo da pandemia, que se cobrou no Brasil a vida de máis de 600.000 persoas.

É o virus, mais non só, que coloca o índice de rexeitamento en 65% ─o maior desde a redemocratización do Brasil─, así como unha intención de voto para 2022 que non supera 30%. Tamén a longa lista de acusacións.  Onte, coincidindo co terceiro aniversario da vitoria de Bolsonaro, retomouse o xuízo sobre as supostas irregularidades cometidas por el e polo vicepresidente, Hamilton Mourão, durante a pasada campaña presidencial.

Hai máis: as políticas contra o ambiente; a inflación, que supera 8% anual; a peor taxa de desemprego nos últimos nove anos, que afecta máis de 14 millóns de persoas; e un preocupante aumento da fame.

A "chave do cofre"

Todo parecería indicar unha inexorábel derrota de Bolsonaro nos comicios do ano que vén fronte ao seu hipotético rival, Luiz Inácio Lula da Silva, do socialdemócrata Partido dos Trabalhadores (PT). Porén, nos últimos días, son varios os analistas que alertan de que o mandatario ultradereitista ten aínda na súa man a vitoria electoral.

Creomar de Souza, profesor da Fundação Dom Cabral, lembraba hai uns día en entrevista a BBC News Brasil, que Bolsonaro posúe a "chave do cofre". É dicir, os recursos para reverter a súa impopularidade com políticas destinadas ao aumento de transferencias de renda (subsidios), como a prorrogación da axuda de emerxencia ou a ampliación do programa Bolsa Família.

"Medidas populistas" e "uma governação muito ideológica" serán as características que marquen este último ano do actual mandato de Bolsonaro, segundo apunta Carlos Fino, ex conselleiro da embaixada portuguesa no Brasil, no Jornal de Notícias

Fake news

Tamén, como hai tres anos, terá grande importancia "o canal paralelo de comunicação" ─apunta De Souza─ construído por Bolsonaro e polos seus seguidores a través de grupos de WhatsApp e de Telegram. Un dos asuntos, este, que foron retomados onte polo Tribunal Superior Eleitoral (TSE) tras a denuncia conxunta de PT, Partido Comunista do Brasil (PCdoB) e Partido Republicano da Ordem Social (PROS). 

O documental de Marcelo Luna Fora da Bolha (2020) analiza o decisivo papel que xogaron as fake news (contidos falsos con aparencia de información) nas eleccións brasileiras de 2018, seguindo o ronsel deixado pola campaña electoral de Donald Trump, nos Estados Unidos, en 2018, ou a favor do Brexit, no Reino Unido, en 2016.

É por iso que De Souza cre que, como en 2018, se está a subestimar o potencial de Bolsonaro. "Uma característica bem importante do Bolsonaro como persona política é o fato de que ele chegou onde está com todo mundo o subestimando", salienta. 

Protestas pola súa designación como "fillo adoptivo" de Anguillara Veneta

Bolsonaro chega hoxe a Italia para o G20. Na segunda feira será condecorado "fillo adoptivo" de Anguillara Veneta, de onde emigrou o seu bisavó en 1878. Organizacións como a Asociación Nacional de Partisanos de Italia (ANPI) criticaron a decisión e prevén mobilizacións. Nun comunicado, cuestionou a modificación da normativa local para a concesión da distinción, até agora inexistente. Tamén, o gasto: case 9.000 euros nunha pequena vila de 4.000 persoas. A iniciativa saíu da alcaldesa, Alessandra Buoso, que ten o apoio da ultradereitista Liga. Segundo 'ANSA', Bolsonaro visitará a parroquia da vila para ver o rexistro de nacemento de seu bisavó, Vittorio. A Diocese de Padua afirmou que aproveitará para pedirlle "que promova políticas que respecten a xustiza, a saúde, o ambiente e, sobre todo, que apoien os pobres".

Comentarios