A ONU considera que o asedio de Israel sobre Gaza está "prohibido" polo dereito internacional

Os ataques de Israel provocaron xa o desprazamento de máis de 200.000 persoas palestinas na Faixa de Gaza, que conta cunha poboación de 2,2 millóns de habitantes. Neste contexto, a ONU alerta sobre os ataques israelitas, que alcanzaron 18 campos de refuxiados.
persoas camiñan entre os cascallos dun edificio en Gaza, esta terza feira (Foto: Rizek Abdeljawad / Contacto / Europa Press)
photo_camera persoas camiñan entre os cascallos dun edificio en Gaza, esta terza feira (Foto: Rizek Abdeljawad / Contacto / Europa Press)

Volter Turk, Alto Comisionado de Dereitos Humanos das Nacións Unidas (ONU), alertou onte de que o "asedio completo" de Gaza por parte de Israel está "prohibido" polo Dereito Internacional dado que "pon en perigo a vida dos civís e os priva dos bens esenciais necesarios para a súa supervivencia".

A respecto do corte de subministración de auga, electricidade e combustíbel a Gaza, o ministro de Enerxía israelita, Israel Katz, afirmou onte que "isto é o que faremos a unha nación de asasinos e carniceiros de nenos".

Unha argumentación na que afondou despois a máxima autoridade militar israelita para Cisxordania, o Xeneral Ghassan Alian, que aseverou que "os humanos que actúan como bestas son tratados en consecuencia". Neste sentido, continuou Alian, "Israel impuxo un asedio completo a Gaza. Non haberá electricidade nin auga. Se queriades o inferno, teredes o inferno".

A determinación de Israel no afogamento da Faixa de Gaza ten outros compoñentes, pois segundo denunciou a Axencia para os Refuxiados Palestinos da ONU, "danos directos e colaterais foron inflixidos nun mínimo de 18 infraestruturas da Axencia, incluídas escolas que amparaban persoas desprazadas". Segundo o organismo da ONU, dous dos seus membros e cinco dos seus estudantes resultaron mortos a raíz destes ataques.

Neste contexto, a coordinadora humanitaria da ONU para os Territorios Palestinos Ocupados, Lyn Hastings, sinalou nun comunicado que "cando menos 200.000 das 2,2 millóns de persoas residentes en Gaza víronse desprazadas tras fuxir ao temer polas súas vidas ou por que as súas casas fosen destruídas".

Ademais, o asedio non fica na acción propia, senón tamén na evitación da axuda a Gaza por parte de terceiros actores. Deste modo, segundo reportou onte o canal televisivo israelita N12, Israel advertiu Exipto de que non envíe axuda á Faixa de Gaza, sinalando que "bombardearán os camións" no caso de que se envíen subministracións.

De feito, as autoridades de Exipto víronse obrigadas a fechar o paso fronteirizo de Rafá, que conecta coa Faixa de Gaza (o único punto fronteirizo da Faixa que non está controlado por Israel) , despois de que bombardeos israelitas caeran en zonas contiguas, segundo fontes dos servizos de seguridade exipcios.

Por outra parte, cando menos tres xornalistas faleceron despois de ser vítimas dun bombardeo da aviación israelita realizado onte contra a torre Hajji, o edificio onde se atopaban traballando na Faixa de Gaza, o cal quedou totalmente destruído, segundo informou WAFA.

Entre os obxectivos dos ataques israelitas de onte tamén estivo o porto de Gaza, situado ao oeste da cidade, o que ocasionou danos a varias embarcacións.

Alén do empeoramento da situación humana na Faixa de Gaza derivado do asedio israelita, as mortes provocadas polo conflito desatado a raíz do ataque do Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) do pasado sábado xa ascenden por riba das 1.700, con máis de 900 falecementos entre a poboación de Israel e máis de 800 pasamentos de persoas da parte Palestina.

A comisión de investigación da ONU que examina a situación no territorio en conflito dixo onte ter indicios "claros" de que tanto Hamás como Israel están cometendo crimes de guerra desde que estalou a guerra, referíndose aos ataques contra posicións civís, ao asedio completo sobre Gaza, así como á toma de reféns.

Ademais, o secretario do Comité Executivo da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), Husein al Sheij, asegurou que a Autoridade Palestina (facción que goberna en Cisxordania e na que están integradas organizacións como Fatah) mantén "contactos intensos" con líderes internacionais para "deter esta devastadora guerra".

Mentres tanto, Hamás emprendeu unha ofensiva con mísiles contra a cidade israelita de Ascalón, a dez quilómetros da Faixa de Gaza, despois de advertir horas antes á poboación local que abandonase dita zona. As alarmas de Israel tamén soaron noutras cidades, entre elas Tel Aviv, ao ser obxectivo dos ataques de Hamás o aeroporto internacional Ben Guirón.

Nova fronte no Líbano

Tres membros da organización chiíta libanesa Hezbolá faleceron antonte a causa dun ataque de Israel en represalia por unha incursión no territorio baixo o seu control, cando en realidade a acción foi reivindicada por outro grupo, o palestino Yihad Islámica. Tras o suceso, Hezbolá confirmou que realizou o disparo de proxectís en resposta á morte dos seus membros, causando a morte dun soldado israelita.

A actuación de Israel sobre destacamentos de Hezbolá abriu a porta dunha nova fronte no conflito, a libanesa. Neste sentido, novos mísiles procedentes do Líbano foron onte interceptados por Israel, que á súa vez volveu abrir fogo con tanques contra dous postos de Hezbolá.

Noutra das vertentes do conflito, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) detiveron onte 40 persoas palestinas máis en Cisxordania, acusadas de terrorismo. Durante as operación desenvoltas en localidades como Belén e Shiyú rexistráronse enfrontamentos.

Ademais, cando menos un palestino, un mozo de 20 anos, morreu noutra cidade cisxordana, Beit Umar, ao norte de Hebrón, tras recibir un disparo na cabeza de militares israelitas cando participaba nun enterro.

Executivo unitario

O Likud, o partido do primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, confirmou onte que se están dando "importantes pasos" de cara á formación dun Goberno de emerxencia nacional coa participación de membros da oposición, algo que é considerado importante polo Executivo para afrontar as operacións de guerra contra Gaza.

Israel e Palestina rexeitan unha reunión con Bruxelas

O ministro de Exteriores israelita, Eli Cohen, e o seu homólogo palestino, Riad al Maliki, non participaron na reunión extraordinaria da Unión Europea (UE) sobre a situación en Oriente Próximo, a pesar de ter sido convidados polo líder da Diplomacia da UE, Josep Borrell.

A pesar das reticencias de Bruxelas a censurar as actuacións de Israel, finalmente onte sinalou que "algunhas decisións", como é o caso do asedio a Gaza, "van contra o dereito internacional".

Comentarios