Israel rexeita a proposta de alto o fogo transmitida por Hamás

Os sionistas ultiman o asalto á cidade de Rafah.
Vítimas de ataques israelís. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Vítimas de ataques israelís. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhoto)

Na resposta á proposta dun cesamento de hostilidades elaborada no marco dunha reunión con representantes estadounidenses, israelís, qatarís e exipcios, a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, amais de brindar unha contestación positiva ao marco xeral do texto, remitiu unha contraproposta que contempla un alto o fogo en tres fases de 45 días cada unha, segundo transcendeu hoxe.

A primeira etapa implicaría a saída dos militares sionistas das áreas poboadas da Faixa, canda a entrada de axuda humanitaria e o comezo da reconstrución de centros médicos e vivendas, e en paralelo ao inicio de “conversas indirectas” entre Hamás e o Goberno de extrema dereita israelí para “regresar a unha paz completa”.

Neste momento empezarían os intercambios de persoas detidas en Gaza polas detidas en Israel, de cara ao avance do pacto, que finalizaría co intercambio dos corpos de persoas falecidas.

Nunha rolda de prensa tras xuntarse con Antony Blinken, secretario de Estado estadounidense que segundo os medios occidentais se desprazou para premer Israel co fin de que aceptara o alto o fogo, Netanyahu reiterou que a única opción é a continuación da agresión militar e que non cederá ás exixencias de Hamás, aseverando que proseguirán até a eliminación do grupo palestino, que está a resistir a tentativa de invasión israelí de Gaza con constantes ataques ás tropas sionistas.

Ao tempo, comunicou que o Executivo ultradereitista ordenou aos militares que asalten Rafah, a cidade do sur de Gaza na que se concentran 1,9 dos 2,3 millóns de persoas que viven no territorio palestino ao fuxir dos bombardeos indiscriminados e da invasión sionista, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran unha limpeza étnica e un xenocidio. Case 28.000 persoas foron asasinadas por Israel na Faixa desde outubro.

Aparte dos asasinatos, a ONU denunciou que o Estado sionista negou o acceso a máis da metade das misións planificadas para entregar axuda humanitaria no norte de Gaza.

Consecuencias "incalculábeis"

António Guterres, secretario xeral da ONU, afirmou que o ataque a Rafah tería consecuencias “incalculábeis” e “aumentaría exponencialmente o que xa é un pesadelo humanitario”. Nas rúas da cidade, situada na fronteira de Gaza con Exipto, intentan sobrevivir 1,3 millóns de persoas doutras partes do territorio palestino, 610.000 delas crianzas, informou o Fondo da ONU para a Infancia.

Comentarios