Miranda, Rego, Belarra, Rufián, Barrena e Corbyn, entre os asinantes para que se xulgue Netanyahu por crimes de lesa humanidade

Unha iniciativa popular internacional reúne apoios para promover que a Fiscalía a Corte Penal Internacional investigue e xulgue o Goberno de Israel polos crimes e o castigo colectivo contra o pobo palestino en Gaza.
Benjamin Netanyahu, primeiro ministro de Israel, ante o Parlamento estatal. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)
photo_camera O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)

#JusticeForGaza nace cun obxectivo: sumar voces da sociedade civil intrnacional, representantes políticos e cidadás de todo o mundo para que se investigue o Goberno de Israel por crimes de lesa humanidade e xenocidio contra o pobo palestino. Unha demanda que se fai no marco da investigación que a Corte Penal Internacional xa ten aberta contra Israel por crimes de guerra en Cisxordania e Gaza.

“Crimes contra a poboación civil que inclúen bombardeos diarios indiscriminados, incluíndo a infraestruturas civís como hospitais, colexios e refuxios, ademais do asedio total e corte de subministracións de auga, alimentos, electricidade e combustible, así como o uso de fósforo branco”, afírmase neste manifesto, que en poucas horas sumou miles de sinaturas.

“A iso súmanse o desprazamento forzado, a guerra psicolóxica, os plans de limpeza étnica e a ameaza dunha ofensiva militar por terra, mar e aire por parte das forzas israelís desde entón”.

Ante isto, “un grupo de organizacións da sociedade civil, representantes políticos e activistas de diversos países queremos presentar unha comunicación perante a Fiscalía da CPI na que se solicita a investigación de diversas autoridades do Goberno de Israel por crimes documentados”.

Entre as sinaturas desta petición están a do x líder laborista británico Jeremy Corbyn, varios deputados irlandeses (no Parlamento de Irlanda e na Eurocámara), Ione Belarra, ministra española de Dereitos Sociais en funcións, Gabriel Rufián (ERC), Pernando Barrena (EH Bildu), Joana Mortágua (Bloco de Esquerda), así como ducias de representantes e deputadas de organizacións de Francia, Bélxica, Noruega, Dinamarca, Uruguai, Arxentina, Bolivia, Chile, Italia ou México, entre outros países.

A Galiza tamén está presente nas sinaturas deste manifesto a través de nomes como a eurodeputada nacionalista Ana Miranda ou o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, así como a senadora da formación, Carme da Silva.

O sábado, pasado, após 35 días de bombardeos contra a Faixa de Gaza, Israel asasinou máis de 11.000 palestinos. Segundo información de fontes do Ministerio de Sanidade da Faixa, hai case 27.500 feridos con lesións de distinta gravidade. “Entre os mortos 4.506 son nenos, 3.027 mulleres e 678 anciáns”, detallou o portavoz de Sanidade, Ashraf ao Qudra.

Comentarios