Comissão do Senado pide inculpar de 10 delitos a Bolsonaro pola xestión da Covid

"Epidemia com resultado de morte" ou "crimes contra a humanidade".
EuropaPress_3998477_manifestacion_contra_presidente_brasil_jair_bolsonaro_sao_paulo
photo_camera Manifestación contra Bolsonaro, o 11 de outubro en São Paulo (Foto: Cris Faga / Zuma)

Unha comisión investigadora do Senado do Brasil recomendou imputar o presidente Jair Bolsonaro por dez delitos na xestión da pandemia da Covid-19: "epidemia com resultado de morte, infração de medida sanitária, incitação ao crime, falsificação de documento particular, emprego irregular de verbas públicas, prevaricação, crimes contra a humanidade, crimes de responsabilidade, violação de direito social e incompatibilidade com o decoro do cargo", segundo o informe publicado onte pola prensa pouco antes da súa lectura.

A Comissão Parlamentar de Inquérito (CPI) analizou durante seis meses as accións do Goberno durante a pandemia, que deixou máis de 600.000 mortos no país. O relator da CPI concluíu que o Goberno federal expuxo "deliberadamente a população ao risco concreto de infecção em massa", polo que pediu a inculpación de Bolsonaro, e doutras 67 persoas, incluíndo varios ministros e ex ministros e tres dos fillos do mandatario.

A CPI non ten o poder de facer denuncias formais. Mais o informe, con testemuños conmovedores e revelacións impactantes ─como o uso de pacientes como "cobaias humanas" para probar medicamentos ineficaces contra a Covid─ será enviado a diferentes órganos que poden proseguir as investigacións e formular cargos, como a fiscalía xeral ou unha corte internacional.

Gabinete paralelo

Na terza feira pola noite, anunciouse que a CPI retiraban os cargos por "crimes de genocídio contra as populações indígenas" e de "homicídio qualificado", mais que mantería outros dez.

Onte a CPI tamén cargou contra o "Gabinete paralelo" que asesoraba o Goberno, e pediu que os seus cinco supostos integrantes fosen imputados polo "crime de epidemia com resultado em morte", previsto no Código Penal.

O responsábel da elaboración do informe, o senador opositor Renan Calheiros, sinalou nas súas conclusións que se perseguiu inmunizar a poboación mediante o contaxio natural; que se deu prioridade a un tratamento precoz sen amparo científico; e que se desestimularon as medidas non farmacolóxicas, como o uso de máscara e o distanciamento físico.

Desde o inicio da crise sanitaria, Bolsonaro minimizou a pandemia e defendeu medicamentos sen eficacia, como a hidroxicloroquina. Máis dun ano despois de contraer o virus, asegura que non se vacinará.

O senador Flávio Bolsonaro, fillo do presidente e un dos acusados de difundir informacións falsas sobre a pandemia, asegurou que é un informe "político".

Comentarios