A ultradereita brasileira en pé, con Bolsonaro marcando o paso

O Supremo Tribunal Federal "pode sofrer aquilo que nós não queremos" de seguir actuando contra o Goberno. Esa foi a ameaza golpista que o presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, lanzou esta terza feira ante os seus seguidores en São Paulo, nun día en que tamén Brasília foi lugar de encontro.
flavio_bolsonaro
photo_camera Jair Bolsonaro alza as mans ao ceo, onte en São Paulo, nunha autofoto tirada polo fillo del Flávio (Foto: Flávio Bolsonaro / Twitter)

"Lindo ver Brasília ser tomada por pessoas de bem. Pessoas ordeiras, que só querem viver num país mais justo, mais livre e mais democrático. Tá bonito de ver!!! Viva o 7 de setembro!!!", escribía na terza feira no Twitter Wagner Rosário, ministro de Transparencia no Goberno de Jair Bolsonaro. 

Facíao tras a invasión da Esplanada de Ministérios por parte de seguidores do presidente, que este 7 de setembro, Dia da Independência, tiñan convocada unha gran concentración na adxacente Praça dos Três Poderes, onde ao seu redor están localizados a sede do Congreso (lexislativo), do Goberno (o Palácio do Planalto, executivo) e do Supremo Tribunal Federal (STF, xudicial).

Segundo informou o xornal O Globo, a Polícia Militar do Distrito Federal, utilizou bombas de fume para dispersar un grupo que lanzara varios petardos perto do Palácio do Itamaraty, sede do Ministerio de Exteriores. 

Algunhas das faixas que portaban chamaban á intervención do Exército contra os poderes xudicial e lexislativo. Entre os asistentes había policías, militares e grupos vinculados á ultradereita.

Mentres, en São Paulo, o presidente brasileiro facía un discurso con insinuacións golpistas: "Ou o chefe desse poder [presidente do STF ] enquadra o seu [o xuíz Alexandre de Moraes] ou esse poder pode sofrer aquilo que nós não queremos", ameazou.

A mobilización trae á memoria os sucesos do pasado 6 de xaneiro na capital dos Estados Unidos, Washington DC, cando un grupo de seguidores do entón presidente, Donald Trump, asaltou a sede do Parlamento para denunciar unha suposta fraude electoral por parte do Partido Demócrata de Joe Biden.

Bolsonaro xa cualificara as manifestacións desta terza feira de "ultimato" para "um ou dois" membros do STF, que acusa de tomar decisións inconstitucionais. Por exemplo, a autorización do alto tribunal para investigalo por ataques contra as institucións democráticas con "desinformacións" nas redes, algo que o presidente cualifica de violación do dereito de expresión.

Canda a xustiza tamén o Congreso está na mira dos bolsonaristas polo bloqueo á introdución dun sistema de votación con papeleta. Malia que os tribunais electorais consideran que o actual, electrónico, é transparente e seguro, Bolsonaro insiste en que é a ferramenta para a fraude

Unha denuncia intensificada tras a publicación de enquisas de intención de voto que dan a vitoria ao esquerdista Lula da Silva nas presidenciais de 2022.

Intelectuais e políticos de esquerda alertan do risco de golpe de Estado

Académicos e políticos mundiais ─situados na esquerda ideolóxica─ publicaron unha carta aberta cualificando a manifestación desta terza feira como unha "insurrección que pon en perigo a democracia", e mostraron o seu temor a un "golpe de Estado" no Brasil . Entre os asinantes están o Nobel da Paz arxentino Adolfo Pérez Esquivel, o politólogo estadounidense Noam Chomsky ou o ex presidente do Ecuador, Rafael Correa. Tamén o ex mandatario brasileiro Lula da Silva, nun discurso nas redes sociais, sostivo que Bolsonaro debería usar o Dia da Independência para ofrecer esperanza na recuperación económica e solidariedade coas vítimas da Covid. "Mas ao invés de anunciar soluções para o país, o que ele faz nesse dia é chamar as pessoas para a confrontação, é convocar atos contra os poderes da República, contra a democracia que ele nunca respeitou. Ao invés de somar, estimula a divisão, o ódio e a violência", criticou.

Comentarios