mércores 27/10/21

As manobras na rúa de Bolsonaro non erosionan o liderado de Lula

O esquerdista continúa a supera o ultradereitista nunha nova enquisa.
EuropaPress_3920023_07_september_2021_brazil_sao_paulo_jair_bolsonaro_president_of_brazil_jokes
O presidente brasileiro nunha das manifestacións multitudinarias do 7 de setembro (Foto: Andre Borges / dpa)

Lula da Silva continúa a superar, cunha gran diferenza, a Bolsonaro nas enquisas. O ex presidente do Brasil sumaría 44% dos votos por 26% do actual mandatario nunha hipotética primeira volta das eleccións previstas para 2022. E nun previsíbel cara a cara en segunda volta, o resultado sería de 56% para o esquerdista por 31% do ultradereitista.

Son datos da sondaxe elaborada por Datafolha, o instituto de estatística da Folha de São Paulo, e publicada esta sexta feira. 

Na véspera, outra enquisa da mesma empresa demoscópica apuntaba que 53% dos brasileiros considera que a xestión de Bolsonaro é "ruim ou péssima", por 24% que a considera "regular" e 22%, "boa ou ótima".

A alta taxa de desemprego, a crecente inflación e o manexo da segunda máis mortífera epidemia de Covid do mundo explican este novo récord na desaprobación do presidente.

Nin Jair Bolsonaro nin Luiz Inácio Lula da Silva anunciaron oficialmente polo momento a intención de se presentaren ás presidenciais de outubro 2022.

No espectro do centro, entre un e outro, só catro posíbeis candidatos chegaron a puntuar na sondaxe publicada na sexta feira, mais sen chegaren aos dous díxitos. 

Son: José Luiz Datena, do Partido Social Liberal (PSL, dereita), que sumaría 4% dos votos; a senadora Simone Tebet, do Movimento Democrático Brasileiro (MDB, centro-dereita), 2%; o presidente do Senado, Rodrigo Pacheco, de Democratas (DEM, centro-dereita) e o ex ministro Aldo Rebelo (independente), 1%.

O Movimento Brasil Livre, da dereita liberal, convocou o pasado domingo unha marcha baixo o lema "Nem Lula, nem Bolsonaro" en varias localidades, mais apenas reuniu xente, segundo informou O Globo.

A enquisa de Datafolha sinala que as grandes manifestacións en apoio a Bolsonaro do pasado 7 de setembro non variaron o panorama electoral excesivamente (en xullo, daba 46% a Lula e 25% ao presidente). Tampouco o enfrontamento institucional co poder xudicial aparece entre as principais preocupacións dos consultados. A alza dos prezos e a falta de traballo é o que máis inqueda.

Marco temporal

Por outra banda, o Supremo Tribunal Federal suspendeu de novo esta semana, e por tempo indefinido, o xuízo sobre o "marco temporal". Na sesión da cuarta feira, o maxistrado Nunes Marques votou a favor da tese defendida polo agronegocio e igualou a sentenza 1-1 polo momento. É a sétima vez que o proceso que definirá a titularidade das terras indíxenas se adía.

comentarios