Crónica do Brexit, a vitoria do discurso do medo

A culminación onte da saída do Reino Unido da UE supón unha nova vitoria do discurso racista e xenófobo que foi a base da campaña do Brexit. Os representantes galegos no Parlamento europeo, Nicolás González Casares (PSOE) e Francisco Millán Mon (PP), e a futura eurodeputada, Ana Miranda (BNG) posiciónanse ante o Brexit.
nigel_farage
photo_camera O líder do Partido do Brexit, Nigel Farage, durante o seu último pleno como representante británico na Eurocámara (Europa Press)

Se algo é certo e percíbese con meridiana claridade a través da mesta borraxeira de negociacións dos últimos tres anos e medio, desde a aprobación en referendo do Brexit, é que a idea de que a chegada de estranxeiros era unha ameza para o Reino Unido. Estranxeiros pobres, claro está. 

Porque o racismo é unha das facianas do clasismo que as clases dominantes mostran para manteren o seu status. Enfeitado, iso si, de bandeiras e patriotismo para llo vender ao pobo. E as persoas inmigrantes, cabeza de turco de todos os males socioeconómicos nunha sociedade. Persoas nas que se inclúen as que, buscando refuxio e futuro, foxen de conflitos provocados pola intervención militar e económica de potencias occidentais como o Reino Unido.  

No alfa e no omega deste proceso sitúanse David Cameron e Boris Johnson. O primeiro alentou e convocou o referendo do Brexit; o segundo executouno. Ambos os dous son etonians, alumnos da Eton College, unha das máis famosas e elitistas escolas segregadas para nenos do mundo, situada no condado de Berkshire (en 2019, a taxa anual para estudar neste internado foi de 42.501 libras, máis de 50.000 euros). Ambos os dous, primeiros ministros tories de pouca idade. Ambos os dous, rivais desde a adolescencia. 

Alfa

Con 44 anos, Cameron chegou en 2010 ao 10 de Downing Street da man do partido europeísta Liberal Demócratas, algo que non sentou ben entre os conservadores euroescépticos, que en novembro de 2011 promoveron en Westminster unha moción sobre a saída da Unión Europea. 

Para acougar a rebelión no seu partido e frear o ascenso do UKIP (Partido da Independencia do Reino Unido) de Nigel Farage, Cameron acabou cedendo e convocou o referendo do Brexit. Polo medio, xogou a dúas bandas. Nos primeiros anos manifestábase publicamente favorábel á consulta, mais internamente ─tal e como lle confesou ao seu viceprimeiro ministro e líder dos liberal demócratas, Nick Clegg─ admitía que eran acenos internos ao seu partido. Un farol.

Porén, as vitorias no referendo escocés de 2014 e, por maioría absoluta, nas eleccións lexislativas de 2015 ─alén do triunfo do UKIP nos comicios europeos de 2014─ mudaron a situación, e Cameron acabou por convocar o referendo para o 23 de xuño de 2016. Confiaba en que o seu farol aguantaría e que o remain (ficar na UE) gañaría. Ao día seguinte, ante a vitoria do leave (marchar da UE), anuncia a súa dimisión. Theresa May toma o relevo.

May activa o 29 de Marzo de 2017 o artigo 50 do Tratado de Lisboa, co que se inicia a conta atrás de dous anos para que Londres e Bruxelas acorden a saída ordenada. As complicadas negociacións, coa fronteira en Irlanda como a cuestión máis sensíbel, deron como resultado varios acordos, todos rexeitados no Parlamento británico. O 29 de marzo de 2019, data límite, vótase en contra por terceira vez. A UE concede unha prórroga e May, tras un achegamento a Corbyn ─líder do Partido Laborista─ que enfurece os seus, anuncia en maio a súa dimisión. É a quenda de Boris Johnson.

Omega

Johnson, fervente partidario do Brexit como bo converso ─"arriscou un resultado no que non cría porque axudaría a súa carreira política", escribiu Cameron sobre el nas súas memorias─, asume o cargo de primeiro ministro aos 55 anos, despois de ser alcalde de Londres e de traballar como correspondente en Bruxelas para The Daily Telegraph (o xornal tory por excelencia).

Boris Johnson chega coa firme intención de abandonar a UE na nova data fixada, o 31 de outubro, "con acordo ou sen acordo". A pelexa xudicial e parlamentaria acaba cun novo plan, aceptado por Bruxelas, e as eleccións xerais do 12 de decembro. Johnson gaña con maioría absoluta e o Brexit faise, agora si, realidade.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios