A guerra en Ucraína, en directo, este 10 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.

Sacos de area nas prazas de Kíiv para dificultar o paso de blindados rusos; refuxiados ucraínos buscando onde pasar a noite en Polonia; Zelenski durante a súa intervención ante o Parlamento británico. (Foto: Ukrinform/dpa; Sebastian Gollnow/dpa; Jessica Taylor/Uk Parliament via/DPA)
photo_camera Sacos de area nas prazas de Kíiv para dificultar o paso de blindados rusos; refuxiados ucraínos buscando onde pasar a noite en Polonia; Zelenski durante a súa intervención ante o Parlamento británico. (Foto: Ukrinform/dpa; Sebastian Gollnow/dpa; Jessica Taylor/Uk Parliament via/DPA)

🔴 [EN DIRECTO]

Actualizar

20.50 | O PSdeG pide un plan para frear os efectos da guerra na economía galega

Valentín González Formoso, secretario xeral dos socialistas galegos, solicita impulsar as potencialidades da Galiza para reducir "a dependencia do gas ruso".

20.00 | Macron descarta, polo de agora, que Ucraína entre na UE

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, desbotou esta cuarta feira a posibilidade de que a Unión Europea (UE) inicie o proceso formal para a adhesión de Ucraína mentres siga activo o conflito bélico. "Hai que mandar unha mensaxe forte aos ucraínos, mais debemos ter coidado: Podemos abrir un proceso de adhesión cun país en guerra? Non o creo. Debemos fechar a porta e dicir que nunca [se lle permitirá a entrada]? Sería inxusto", apuntou, en declaracións aos medios recollidas por Europa Press.

18.38 | Rusia e os EUA cruzan acusacións sobre o posíbel uso de armas químicas

Moscova afirma que os EUA "planeaban" investigar en Ucraína a "transmisións de patóxenos letais", algo que Washington nega con rotundidade é, á súa vez, pon o foco no Exército ruso: "Agora que Rusia fixo estas afirmacións falsas todos deberiamos estar atentos á posibilidade de que Rusia use armas químicas ou biolóxicas en Ucraína, ou que cree unha operación de falsa bandeira usándoas".

18.05 | Fosas comúns en Mariupol pola dificultade de acceder aos cemiterios

Segundo vén de detallar o alcalde de Mariupol, Serhiy Orlov, en declaracións á canle británica BBC, nesta cidade, que está a ser o principal obxectivo dos bombardeos rusos pola súa posición estratéxica, estanse a abrir fosas comúns para soterrar máis de 45 persoas falecidas, por mor da "dificultade" de acceder aos cemiterios. "Estes son só os corpos que recuperamos das rúas e non todos foron identificados", dixo.

Precisamente esta quinta feira os ministros de Exteriores de Ucraína [Dmitro Kuleba] e Rusia [Serguéi Lavrov] negociaron, sen éxito, a apertura dun corredor humanitario en Mariupol. "Por desgraza, Lavrov non estaba en posición de comprometerse a iso", afirmou Kuleba.

16.45 | Ucraína endurece a lei contra o "saqueo" e a "traición"

Segundo vén de informar nun comunicado o partido político Servidor do Pobo, liderado polo presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, o Goberno do país asinou dúas novas leis sobre o "aumento da responsabilidade" por "traición" e "saqueo". Deste modo, quen "traballe en interese do inimigo" terá unha pena de prisión de entre 15 anos e a cadea perpetua, e non poderá ser amnistiado. Por outra parte, o delito de saqueo "como crime de guerra" castigarase con entre tres e dez anos de cárcere, e nesta categoría entra o roubo de equipamento, armas ou outras pertenzas de militares ou civís ucraínos fóra do campo de batalla "constitúe un crime mercenario contra a propiedade".

12.56 | Sergej Lavrov afirma que Putin non descarta reunirse con Zelenski "con condicións"

O ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Sergej Lavrov, asegurou a súa saída da reunión que mantivo co homólogo ucraíno Dmitro, Kuleba, na cidade turca de Antalya, que o presidente de Rusia, Vladimir Putin, non descarta reunirse co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, tal e como este lle exixiu a semana pasada.

Porén, o ministro ruso afirmou que esta reunión só terán lugar "con certas condicións", e acusa o Goberno ucraíno de querer manter reunión "por manter, sen sentido":

11.49 | Rematan as conversas entre os ministros de Exteriores de Rusia e Ucraína, reunidos en Turquía

Os ministros de Exteriores de Rusia e Ucraína, Segej Lavrov e Dmitro Kuleba, reuníronse nesta quinta feira en Turquía para buscar unha salida diplomática ao conflito entre ambos países. Fixérono por primeira vez desde que comezara a ofensiva rusa en solo ucraíno hai dúas semanas. Mantiveron un encontro en Antalya, e decorreu a tres bandas, entre os dous ministros e o xefe da diplomacia turca, Mevlüt Çavusoglu. Segundo as primeiras informacións, non se produciron avances significativos.

10.07 | Un representante de Rusia na ONU afirma que o bombardeo dun hospital de maternidade en Mariupol é unha "fake new"

O portal dixital Sputnik recolle unhas declaracións nas súas redes sociais do vicerepresentante ruso na Organizacións das Nacións Unidas, Dimitry Polansky, nas que afirma que o ataque contra un hospital de maternidade en Mariupol é unha "fake new", xa que este "fora transformado nunha instalación militar por radicais" ucraínos.

O representante permanente de Rusia na ONU, Vasilý Nebenzya, apuntou o pasado 7 de marzo, xa anunciara que, segundo os reportes dos soldados rusos na zona, as milicias ucraínas expulsaran todo o persoal do hospital e atrincheráranse nel. Algo que, segundo Sputnik, tamén denunciou a portavoz do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zakharova, horas antes de que o Goberno ucraíno notificara o ataque.

9.33 | Rusia deixará de participar no Consello de Europa polo "abuso" dos países de UE e OTAN​

Goberno ruso, a través do seu Ministerio de Exteriores, vén de anunciar a decisión de deixar de participar no Consello de Europa (CE), e xustifícase no "abuso" que ao seu entender cometen os países que pertencen á Unión Europea (UE) e á Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

8.44 | Medios rusos afirman que Rusia deixará de participar no Consello de Europa

Varios medios rusos afirman que o Ministerio de Exteriores ruso anunciou que deixará de participar no Consello de Europa, xa que acusa aos países da Unión Europea (UE) e a Organización sobre do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) de "abusar da súa maioría absoluta no Comité de Ministros do Consello de Europa" para aplicar unha "política de destrución" da institución e "do espazo humanitario e xurídico común en Europa".

7.59 | Rusia exixe a Estados Unidos aclarar que actividades se levaban a cabo nas "instalacións de investigación biolóxica" en Ucraína

O medio dixital Russia Today recolle unha declaración da portavoz do ministerio de Asuntos Exteriores ruso, María Zajárova, na que exixe que os Estados Unidos (EUA) aclare que actividades levaban a cabo nas "instalacións de investigación biolóxica" ubicados en Ucraína, segundo as denominou no día de onte a subsecretaria de Estado de Asuntos Exteriores dos EUA, Victoria J. Nuland, nunha intervención no Senado estadounidense.

Comentarios