Rusia e os EUA cruzan acusacións sobre o posíbel uso de armas químicas

Moscova afirma que os EUA "planeaban" investigar en Ucraína a "transmisións de patóxenos letais", algo que Washington nega con rotundidade é, á súa vez, pon o foco no Exército ruso: "Agora que Rusia fixo estas afirmacións falsas todos deberiamos estar atentos á posibilidade de que Rusia use armas químicas ou biolóxicas en Ucraína, ou que cree unha operación de falsa bandeira usándoas".
Á esquerda, a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki; á dereita, o portavoz do Ministerio de Defensa de Rusia, Ígor Konashénkov (Fotos: Zuma Press - Sputnik).
photo_camera Á esquerda, a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki; á dereita, o portavoz do Ministerio de Defensa de Rusia, Ígor Konashénkov (Fotos: Zuma Press - Sputnik).

O portavoz do Ministerio de Defensa de Rusia, Ígor Konashénkov, afirmou esta quinta feira que, segundo "documentos descubertos" polo Exército ruso, "os EUA planeaban en 2022 investigar en Ucraína patóxenos de aves, morcegos e reptís" para, posteriormente, "estudar a posibilidade de transmitir a peste porcina africana ou o ántrax a través deles".

"O obxectivo destas e outras investigacións biolóxicas, financiadas polo Pentágono en Ucraína, foi a creación dun mecanismo de transmisión oculta de patóxenos letais", dixo Konashénkov, en declaracións recollidas pola axencia rusa Sputnik.

Tamén Ígor Kirílov, xefe das Tropas de Defensa Radiolóxica, Química e Biolóxica das Forzas Armadas de Rusia, apuntou que "os datos estudados conteñen propostas para ampliar o programa biolóxico-militar dos EUA no territorio de Ucraína".

Os EUA négano e temen que Rusia si utilice armas químicas

Porén, os EUA desmenten con rotundidade estas acusacións. "É absurdo, é o tipo de operación de desinformación que vimos repetidamente por parte dos rusos ao longo destes anos en Ucraína e noutros países, que foi desacreditada, e tamén é un exemplo dos tipos de pretextos falsos dos que estivemos advertindo que os rusos inventarían", sinalou a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki.

Neste senso, subliñou que o Goberno estadounidense "cumpre de forma plena" coas súas obrigas no marco da Convención sobre Armas Químicas e a Convención sobre Armas Biolóxicas, polo que "non desenvolve nin posúe tales armas en ningunha parte".

De feito, Psaki acusou Moscova de manter o seu programa de armas biolóxicas, "vulnerando o Dereito Internacional", e de "apoiar" o presidente sirio Bashar al Assad, quen, enfatizou a portavoz da Casa Branca, "utilizou repetidamente armas químicas".

"Agora que Rusia fixo estas afirmacións falsas, e China aparentemente apoiou esta propaganda, todos deberiamos estar atentos á posibilidade de que Rusia use armas químicas ou biolóxicas en Ucraína, ou que cree unha operación de falsa bandeira usándoas. É un patrón claro", sentenciou Psaki.

Esta cuarta feira, a subsecretaria de Estado para Asuntos Políticos dos EUA, Victoria J. Nuland, recoñeceu na última sesión do Senado a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" situadas en solo ucraíno. Nuland respondeu así a unha pregunta formulada polo senador Marco Rubio, en relación á invasión rusa de Ucraína, sobre se Ucraína posúe armas químicas ou biolóxicas.

"Estamos a traballar cos ucraínos para evitar que ese material de investigación caia en mans rusas, no caso de que o fagan", proseguiu Nuland.

Comentarios