O PSdeG pide un plan para frear os efectos da guerra na economía galega

Formoso solicita impulsar as potencialidades da Galiza para reducir "a dependencia do gas ruso".
Valentín G. Formoso (segundo pola dereita), onte en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín G. Formoso (segundo pola dereita), onte en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

A Xunta ten que “pór enriba da mesa un plan de choque” que inclúa medidas deseñadas para paliar o impacto na economía galega do conflito bélico que está a desenvolverse en Ucraína, reclamou onte o secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia, Valentín González Formoso.

Nunhas declaracións efectuadas ao final dos actos organizados en Ferrol polo Día da clase obreira galega, Formoso cualificou de “situación límite” para os sectores produtivos galegos a suba dos prezos da enerxía que atribuíu á guerra no país eslavo, polo que urxiu os Gobernos galego e estatal a buscar solucións, especialmente, “plans de apoio aos sectores económicos para reducir os custes enerxéticos e desenvolver os potenciais da Galiza”, subliñou, como o sector gandeiro, pesqueiro ou do transporte.

Potencial enerxético

Asemade, fixo un chamamento a “por unha vez sentarnos todas as forzas políticas nun curto prazo para poñer en marcha medidas” que exploten o potencial enerxético e de materias primas do país que permitan reducir a “dependencia do gas ruso e dos mercados internacionais”. Non obstante, a dependencia do gas natural que provén de Rusia é unha problemática que atinxe ao centro de Europa, mais non á Galiza ou ao Estado.

Defensa dos traballadores

Amais, con respecto ao Día da clase obreira galega, Formoso incidiu en que é preciso “regar a flor da democracia e da liberdade permanentemente”, e destacou que esta loita está “personificada en Daniel e Amador, que no ano 72 deron a súa vida por unha serie de valores que temos a obriga de preservar porque nunca están suficientemente garantidos”, así como pola defensa das traballadoras e traballadores. 

Impacto dos xurros

Pola súa parte, o deputado Pablo Arangüena criticou que a Xunta continúe “negando o problema medioambiental dos xurros", incluso co “evidente impacto” que ten a contaminación por xurros en cursos fluviais e acuíferos da Galiza.

Con todo, esta situación “tende a máis”, denunciou, “pola falla dunha verdadeira política de control medioambiental e, sobre todo, de tratamento destes residuos”.
 

Comentarios