Rusia deixará de participar no Consello de Europa polo "abuso" dos países de UE e OTAN

A relación entre Rusia e o Consello de Europa comezou a deteriorarse após a anexión de Crimea en 2014.
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, nunha imaxe de arquivo. (Foto: PHOTOXPRESS/ZUMA PRESS/CONTACTOPHOTO)
photo_camera O presidente de Rusia, Vladimir Putin, nunha imaxe de arquivo. (Foto: PHOTOXPRESS/ZUMA PRESS/CONTACTOPHOTO)

O Goberno ruso, a través do seu Ministerio de Exteriores, vén de anunciar a decisión de deixar de participar no Consello de Europa (CE), e xustifícase no "abuso" que ao seu entender cometen os países que pertencen á Unión Europea (UE) e á Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

O Ministerio sinalou nun comunicado que ambas organizacións aplican unha "política de destrución" da institución e "do espazo humanitario e xurídico común en Europa". Critica que empreguen a súa maioría no Comité de Ministros do Consello de Europa para manter unha postura "inamistosa" contra Rusia.

Deste xeito, o Executivo ruso afirma que "non participará" nos esforzos por "transformar" o Consello de Europa "noutra platataforma para ensalzar a superioridade e narcisismo occidental".

Tal é como recoolle a axencia rusa de noticias TASS, a intención do Goberno ruso e do seu presidente, Vladimir Putin, é deixar que "desfruten de comunicarse entre eles, sen Rusia".

Tensa relación entre Rusia e o CE

O 25 de febreiro, horas despois de que Vladimir Putin anunciase o comezo da ofensiva do exército ruso contra as principais cidades ucraínas, o Consello de Europa acordou suspender "con efecto inmediato" a participación de Rusia en todos os seus órganos, acolléndose ao artigo 8 do seu Estatuto.

A medida, que ía ser "de carácter temporal", tiña por obxectivo condenar a "invasión" de Ucraína por parte de Rusia, mais sen pechar as canles de comunicación entre o país e a institución.

A tensión entre Rusia e o Consello de Europa comezou despois da anexión de Crimea por parte dos rusos, que supuxo a suspensiñon do dereito a voto da Federación Rusa. Entre 2017 e 2019 tamén lle retiraron algúns poderes por non pagar a cota anual de 33 millóns de euros.

Antes do comezo da ofensiva na Ucraína, a relación volvera a deteriorarse polo encarceramento do opositor político Alexéi Navalny, presuntamente envelenado polos servizos de intelixencia rusos, e a negativa da súa posta en liberdade a pesar do dictame do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Comentarios