Sen "avances significativos" após a reunión entre os ministros de Exteriores de Rusia e Ucraína

Ucraína e Rusia seguirán a manter encontros de diálogo en territorio belaruso.
Imaxe da reunión entre os ministros de Asuntos Exteriores de Rusia e Ucraína. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe da reunión entre os ministros de Asuntos Exteriores de Rusia e Ucraína. (Foto: Europa Press)

A reunión entre os ministros de Asuntos Exteriores de Rusia e Ucraína, Segej Lavrov e Dmitro Kuleba, na cidade turca de Antalya, rematou sen "avances significativos" no proceso de negociación para buscar unha vía diplomática que permita resolver a situación de ofensiva militar rusa en solo ucraíno.

Así o detallou Kuleba, quen explicou que na reunión, na que tamén participou o xefe da diplomacia turca, Mevlüt Çavusoglu, trasladou ao seu homólogo a posibilidade de chegar a un acordo para estabelecer un corredor humanitario en Mariupol.

Porén, Lavrov sinaloulle que non podía chegar a un acordo nese sentido, pero que trasladaría as súas peticións ao Kremlin para intentar  que saia adiante esa petición.

Asemade, o ministro de Asuntos Exteriores ucraíno afirmou que o Goberno ruso só aceptará parar co ataque militar ás principais cidades ucraínas se ten lugar a rendición do Executivo estatal, co seu presidente Volodimir Zelenski á cabeza, algo que "non é aceptábel". "Ucraína é forte, está a loitar", afirmou Kuleba, quen engadiu que o Goberno segue a buscar alternativas na comunidade internacional para non ter que rendirse.

Lavrov nega o ataque

Pola súa parte, o ministro Lavrov volveu a negar que Rusia estea a atacar a Ucraína, senón que mantén que se trata dunha "operación" para desnazificar e desmilitarizar o país, ao tempo que loita "a vida ou morte polo dereito a estar no mapa político do mundo", segundo recolleu a axencia rusa de noticias TASS.

Lavrov tamén negou que o exército ruso vaia entrar noutros países, tal e como sinala a Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en referencia a unha posíbel intervención militar de Rusia na República de Moldova ou nos países bálticos de Estonia, Letonia e Lituania.

O integrante do Goberno ruso afirmou que non se trata de Ucraína, senón "dunha agresión contra todo o ruso", e asegurou que con este conflito búscase o mesmo que coa guerra dos Balcáns, "que non haxa estados moi grandes en Europa".

Por último, Lavrov negou a intervención de Kuleba no referente as súas declaracións do corredor humanitario en Mariupol, xa que a negociación desta quinta feira "non ía abordar ese tema. nin a reemprazar a vía de negociacións en territorio belaruso". 

Comentarios