Máxima tensión no Sudán, ao bordo da guerra civil

Os EUA xa evacuaron todo o persoal diplomático e fecharon a embaixada. Tamén o Estado español, Francia ou o Reino Unido preparan as repatriacións.
Fume dos combates en Darfur. (Foto: Stringer / Europa Press / Contacto)
photo_camera Fume dos combates en Darfur. (Foto: Stringer / Europa Press / Contacto)

A tensión segue a medrar no Sudán após unha semana de intensos combates entre as Forzas Armadas do Sudán e o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (RSF). O temor ao estoupido definitivo dunha nova guerra civil e as autoridades de diferentes países xa iniciaron os trámites para repatriar os seus concidadáns.

Este mesmo domingo, de feito, a Casa Branca ordenou iniciar a evacuación de todo o persoal diplomático e as súas familias da embaixada que os EUA teñen operativa na cidade de Jartum, un edificio, porén, que agora queda fechado coa saída do país dos seus responsábeis.

Non correron a mesma sorte, polo de agora, os perto de 16.000 estadounidenses que actualmente residen no Sudán, a quen desde Washington pediron a pasada sexta feira que intentasen abandonar o país pola súa conta propia dado que, por mor da "perigosa" situación que se está a vivir na contorna do aeroporto, non estaba previsto operativo de evacuación ningún.

Tamén os gobernos do Estado español, Reino Unido, Corea do Sur, China, Xordania, Francia ou Arabia Saudita están a coordinar xa as súas respectivas misións de evacuación. No caso español, nas últimas horas chegou un avión a Djibuti para trasladar 80 cidadáns, algo que sucederá cando mellore temporalmente a situación e haxa maiores garantías de seguridade.

As autoridades sudanesas, pola súa parte, acordaron este domingo prorrogar até finais de abril o fechamento do espazo aéreo decretado a pasada semana, cando se iniciaron as hostilidades coas forzas paramilitares. Centos de persoas perderon a vida nos últimos días.

O Exército aceptou a pasada sexta feira un alto o fogo de tres días con motivo do fin do Ramadán e os rebeldes das RSF xa anunciaran que respectarían esta pequena tregua, após outros infrutuosos intentos, se ben tamén se reportaron novos combates. As RSF manifestaron tamén a súa vontade de habilitar corredores humanitarios.

O conflito estoupou este mes no marco dun aumento das tensións pola integración das RSF no seo das Forzas Armadas do Sudán, como parte dun acordo asinado en decembro pasado de cara a conformar un novo goberno e reactivar a transición no país.

As conversas comezaron, con mediación internacional, logo de que o xefe do Exército, Abdelfatá al Burhan, encabezase a finais de 2021 un golpe de Estado que derrocou Abdalá Hamdok, elixido perante un pacto en 2021 coas forzas políticas após a caída, dous anos antes, de Omar al Bashir.

Comentarios