O Exército do Sudán acepta unha tregua pola fin do Ramadán

Máis de 600 persoas faleceron nos combates no Sudán segundo as autoridades, mentres que a Organización Mundial da Saúde sinala que hai máis de 3.500 persoas feridas.
Mohamed Dagalo (RSF) e Abdel Fattah al Sisi, presidente de Exipto. (Foto: Presidencia de Exipto / DPA)
photo_camera Mohamed Dagalo (RSF) e Abdel Fattah al Sisi, presidente de Exipto. (Foto: Presidencia de Exipto / DPA)

Malia as peticións da Organización das Nacións Unidas e diversos Estados para que as Forzas Armadas do Sudán e o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (RSF) aceptaran unha tregua durante o Eid al Fitr, a festa de tres días no Sudán que comezou a sexta feira e marca a fin do Ramadán, os combates continuaron na capital, Khartún, en Darfur, no suroeste do país, e no Estado de Kordofan Norte, no centro do territorio.

Nese sentido, as RSF publicaron na madrugada da quinta á sexta feira que respectarían unha tregua de 72 horas desde as 6 da mañá, algo que os militares non aceptaron até a tarde.

Diversos analistas incidiron en que a festividade musulmá era a última oportunidade para unha tregua real, despois de declararse dous alto o fogo de 24 horas ao longo da semana que foron incumpridos polas partes, o que impulsaba o país cara a unha guerra civil no caso de que militares ou paramilitares non conseguiran imporse con celeridade.

Desde o Consello Soberano de Transición, presidido por Abdel Fattah al Burhan, comandante do Exército, o titular de Sanidade, Ibrahim Haizam, sinalou que máis de 600 persoas morreron nos enfrontamentos armados. Á vez, a Organización Mundial da Saúde comunicou que máis de 3.500 persoas resultaron feridas.

Á respecto da situación militar, a analista Sharath Srinivasan defendeu que o agardado é que a batalla por Khartún sexa longa, e aínda que o previsto é que o Exército acabe por imporse “o alcance e a forza das RSF en todo o país persistirán”, incluso se están obrigadas a retirarse aos seus bastións en Darfur.

Porén, outro analista, Majdy Abdelaziz, incidiu en que “todos os indicadores nos indican que a batalla case rematou”, e explica que “a xente está a pórse do lado do Exército”, provocando “unha sensación de inmenso alivio entre a xente por restaurar a lei e a orde en Khartún e limpalo de forzas insurxentes”. En paralelo, puxo o foco en que as RSF “aferráronse” á tregua para tratar de recuperarse dos combates. Todo isto no medio “dunha situación humanitaria catastrófica”, denunciou o Comité Central de Médicos do Sudán.

A fin dos combates si que se produciu en Merowe, refiren os medios locais, despois de que as RSF, lideradas por Mohamed Dagalo, se fixeran co aeroporto nas primeiras horas dos combates, que comezaron o pasado sábado.

Pola súa parte, a Organización Internacional para as Migracións lamentou a morte dun traballador humanitario froito dos tiroteos no centro do país.

Comentarios