A ONU reclama negociación no Sudán antes de caer na guerra civil

Arredor de cen civís faleceron nos combates entre as Forzas Armadas e o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido.
Abdel Fattah al Burham. (Foto: Mohamed Khidir / Europa Press / Contactophoto)
photo_camera Abdel Fattah al Burham. (Foto: Mohamed Khidir / Europa Press / Contactophoto)

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, condenou onte o inicio dos enfrontamentos armados o pasado sábado no Sudán, alertando de que “calquera escalada adicional” nun conflito que se achega a unha guerra civil “podería ser devastador para o país e a rexión”.

Ao tempo, sinalou que os países con influencia deben usala para acabar coa violencia e restabelecer a orde no país, antes do comezo dunha xuntanza do Consello de Seguridade da entidade para abordar a situación.

No país, o Comité Central de Médicos do Sudán informou de que no mínimo xa se produciron case un cento de vítimas civís, mentres os combates xa se estenderon a múltiples cidades.

As Forzas Armadas sudanesas e as Forzas de Apoio Rápido (RSF), un importante grupo paramilitar consolidado polo ex mandatario Omar al Bashir, acúsanse mutuamente de provocar un golpe de Estado. O líder do Exército, Abdel Fattah al Burham, insistiu onte en que o xefe das RSF, Mohamed Hamdan Dagalo, será xulgado nun tribunal de Xustiza pola sublevación, despois de que rachara a fronte entre ambos os dous nos últimos meses no marco das negociacións para traspasar o poder a un Goberno civil e unificar as dúas forzas militares, tras protagonizar unidos un golpe de Estado en 2021 que colocou a al Burham e Dagalo á fronte do Estado.

Na capital do país, Khartún, a poboación denunciou que se están a producir cortes na subministración de electricidade e auga, amais dun desabastecemento de alimentos que tamén afecta institucións públicas, hospitais e escolas, unha situación inédita na cidade, á que non alcanzaran os frecuentes enfrontamentos armados no país nas últimas décadas.

No terreo o único certo é que os combates continúan, mais “non está claro quen ten a vantaxe ou quen controla a maioría das instalacións”, explica a correspondente de Al Jazeera Hiba Morgan.

Aínda que os Estados Unidos, Rusia ou a China solicitaron negociacións para acabar coas hostilidades, a reacción máis relevante chegou dos países veciños e da Unión Africana. Os presidentes de Kenya, William Ruto, Sudán do Sur, Salva Kiir, e Xibutí, Ismail Omar Guelleh, desprazaranse a Khartún o “antes posíbel” para intentar chegar a un acordo coas partes en conflito, informou Nairobi.

Pola súa parte, Moussa Faki Mahamat, presidente da Comisión da Unión Africana, tamén xestiona a súa chegada ao Sudán, atrasada polos combates no aeroporto de Khartún.

Comentarios