Freo en Bruxelas ao gasoduto entre Catalunya e Francia

España foi o maior comprador de GNL ruso do mundo en xullo e agosto, en paralelo á súa intención de construír un terceiro gasoduto entre o Estado español e Francia.
Planta de procesamento de gas natural ruso en Lubmin (Alemaña). (Foto: Stefan Sauer / dpa)
photo_camera Planta de procesamento de gas natural ruso en Lubmin (Alemaña). (Foto: Stefan Sauer / dpa)

A Comisión Europea negouse onte a apoiar as ambicións do Estado español de construír outro gasoduto na fronteira con Francia, reclamado por Alemaña para beneficiarse da subministración de gas natural procedente das plantas de regasificación da península Ibérica, no contexto da redución de importacións de materias primas de Rusia pola guerra en Ucraína.

“Non podemos dar unha posición específica neste momento, é preciso que os Estados membros e os promotores avancen na análise sobre as posibilidades de viabilidade do proxecto”, incidiu Tim McPhie, voceiro de Enerxía do organismo, que lembrou que para a Unión Europea (UE) non está cualificado como “proxecto de interese común”, así como que non serán financiadas esta clase de infraestruturas de non incluír o transporte de hidróxeno.

Pouco despois, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Estado español, Teresa Ribera, reiterou que o debate aínda “está aberto”.

Porén, o presidente francés, Emmanuel Macron, fechou a porta a segunda feira nunha intervención posterior a unha xuntanza co seu homólogo alemán, Olaf Scholz, subliñando que “é falso que este gasoduto solucione esta crise”.

Amais, fixo fincapé en que os dous gasodutos existentes, o de Irun e o de Larrau-Calahorra, están a usar 53% da súa capacidade, o que amosaría que non é unha necesidade unha obra desa magnitude.

Alemaña está a multiplicar os intentos por atopar novas vías de encher as súas reservas de gas natural despois da redución da subministración desde Rusia polo Nord Stream 1, que Moscova fechou o 2 de setembro por problemas técnicos dos que responsabiliza as sancións da UE, que dificultan a adquisición de pezas e os procesos de reparación.

Nestes intres, Siemens Energy está a traballar xunta Gazprom para recuperar o bombeo de gas, imprescindíbel para Berlín ao carecer de terminais de regasificación.

Nese sentido, o Estado español liderou en xullo e agosto a clasificación mundial de compradores de gas natural licuado (GNL) de Rusia -que vén por vía marítima-, adquirindo 747 millóns de euros, apunta o Centro para a investigación sobre aire e enerxía limpos.

Comentarios