Sánchez e Scholz fan fronte común pola construción do gasoduto Midcat, ao que se opón Macron

Ao gasoduto, que conectaría a península Ibérica co centro do continente europeo, fáltanlle por construír  226 quilómetros de tubos desde a localidade catalá de Hostalric até a francesa Barbaira.
Pedro Sánchez e Olaf Scholz amosaron sintonía durante o encontro (Foto: Soeren Stache / DPA).
photo_camera Pedro Sánchez e Olaf Scholz amosaron sintonía durante o encontro (Foto: Soeren Stache / DPA).

O presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, e o chanceler alemán, Olaf Scholz, certificaron esta terza feira a fronte común para avanzar no proxecto MidCat, o gasoduto para levar gas desde a península Ibérica ao centro do continente europeo, que apoiou publicamente Berlín mais que conta coas reticencias do presidente francés, Emmanuel Macron.

Nunhas declaracións conxuntas tras participar como convidado nunha reunión do Consello de Ministros do Goberno alemán, Sánchez exhibiu sintonía en materia enerxética con Scholz.

"Agradezo e moito a visión compartida que ten o chanceler alemán sobre a necesidade de acelerar as interconexións", sinalou o xefe do Executivo do Estado español.

Sánchez lamentou que actualmente non se cumpran os obxectivos de interconexións entre a península e o resto da Unión Europea (UE) marcados pola Comisión Europea, ao estar por baixo de 3%.

Isto fai, segundo o inquilino da Moncloa, que o Estado español non explote ao máximo a súa capacidade de regasificación, de 30% do total da UE, polo "pescozo de botella" que supón a falta de interconexións da península Ibérica co resto de Europa.

Italia é a alternativa

Sen realizar unha mención expresa ao rexeitamento de Francia a aumentar as conexións a través dos Pireneos, apuntou a que a alternativa ao MidCat é traballar no gasoduto que conecte o Estado español co italiano.

"Se (as interconexións) non se desenvolven ao ritmo adecuado, na estratexia europea RepowerEU tamén se traza outra interconexión que é a da península Ibérica e Italia", subliñou Sánchez.

Desta forma, o mandatario español marcouse como meta mellorar as conexións enerxéticas. "Iso é o que temos que resolver, sexa por Francia ou por Italia", incidiu para afirmar que o Estado español "responderá á chamada" dos Estados que máis sofren a "chantaxe inaceptábel" en materia enerxética do presidente ruso, Vladimir Putin.

O proxecto, MidCat, leva anos paralizado polos seus elevados custos e o baixo prezo da subministración rusa. Restan por construír 226 quilómetros de tubos desde a localidade catalá de Hostalric até a francesa Barbaira e o Estado español solicita que sexa a UE a que sufrague os gastos da súa construción.

Comentarios