EUA multiplica por seis a venda de gas ao Estado español desde o comezo da guerra

A terminal de Reganosa, que segue a recibir buques procedentes de Rusia, é o porto máis próximo de Europa para os gaseiros que chegan dos Estados Unidos de América.
Entrada dun buque gaseiro  na ría de Ferrol con destino ás instalacións da planta de Reganosa en Mugardos (Foto: APFSC).
photo_camera Entrada dun buque gaseiro na ría de Ferrol con destino ás instalacións da planta de Reganosa en Mugardos (Foto: APFSC).

O conflito bélico en Ucraína e as sancións impostas a Rusia pola Unión Europea están a ter consecuencias nos mercados enerxéticos. No caso do gas natural, o Estado español xa está a notar un cambio de tendencia na orixe da subministración, cun claro beneficiado: Os Estados Unidos de América (EUA).

En concreto, segundo o último boletín de Enagás, o xestor técnico do sistema, nos tres primeiros meses de 2022 importáronse dos EUA 41.839 xigavatios/hora (GWh). É case seis veces máis cantidade que no mesmo período de 2021, cando chegaron ás terminais estatais 7.472 GWh.

Estas cifras converten, ademais, os Estados Unidos de América no principal provedor de gas natural do Estado español, con 36,9% do subministro total. Desprazan así  Alxeria, que pasa de representar case a metade do subministro (46,8%) en 2021, a quedar con algo máis dun cuarto do mercado (26,1%) no arranque de 2022, en parte tamén polo conflito con Marrocos e o feche do gasoduto. 

De feito, o gas natural que chegou á península Ibérica a través de gasoduto pasou de 47% en marzo de 2021 a menos da terceira parte (29%) no mesmo mes do presente exercicio.

E a porcentaxe aínda podería ir a menos após o cambio de postura da Moncloa respecto do Sáhara Occidental. De feito, Sonartrach, socia de Naturgy no gasoduto Medgaz, que abastece o Estado español, anunciou que, após a mudanza de posición de Pedro Sánchez co Sáhara, encarecerá os prezos de subministración a España, mentres que os manterá para o resto de países.

O peso de Rusia

O predominio do gas natural licuado (GNL) estadounidense nas descargas das terminais españolas viuse acrecentado desde o inicio do conflito en Ucraína. Así, en marzo, as importacións de gas dos EUA representaron 43% do total e quintuplicaron o volume anterior (pasaron de 3.308 GWh en 2021 a 16.264 en 2022).

Pola súa parte, o gas ruso mantívose bastante estábel. En marzo representou 8,7% do total do combustíbel importado, cun volume moi similar ao do ano anterior (3.230 GWh en 2021 fronte aos 3.277 de 2022).  Con todo, no balanzo trimestral apréciase unha caída de case un terzo (32,5%) no volume importado, ao pasar de 11.304 GWh o pasado ano (11,6% do total) a 7.629 neste 2022, que representaron 6,7% do total.

Menor exposición

Esa menor exposición ao gas  natural ruso fai que o mercado ibérico, que negocia agora en Europa unha solución propia para reducir os prezos do gas no mercado, non se vexa alterado polo conflito na Ucraína. 

As compañías enerxéticas, que son as que compran o gas, teñen en moitos dos casos contratos fechados con empresas subministradoras rusas polo que, salvo causas de forza maior, como que a Unión Europea decida incluír a compra de gas natural dentro das sancións que está a impor a Rusia polo conflito, os buques con GNL ruso seguirán a chegar ás terminais do Estado español. 

Neste senso, fontes do sector inciden en que a subministración está garantida, ao tempo que destacan como fortaleza a ampla lista de países subministradores. Iso si, alertan do risco de xerar novas dependencias. 

Posición estratéxica

A Galiza ten Mugardos unha planta de regasificación, a de Reganosa, que o pasado mes de marzo só recibiu un buque de gas natural licuado (GNL) procedente de Holanda, o Artic Discoverer.

Porén, como apuntan fontes coñecedoras do sector, a chegada de metaneiros rusos non é infrecuente, xa que, após a de Bilbo, a da ría ferrolá é a segunda mellor das once terminais do Estado español para que descarguen os buques de Rusia. De feito, na primeira semana de abril xa o fixo o Georgiy Brusilov.

Mais se a terminal de Mugardos é boa para os gaseiros rusos, mellor é para os que veñen de América, ao ser o primeiro porto de chegada de toda Europa, con algunha hora de vantaxe incluso coa planta de Sines, en Portugal. Agora, co cambio de tendencia, será máis habitual velos entrar pola ría de Ferrol. 

Comentarios