As Forzas Armadas rusas, perto de facerse co control de Avdivka

Zelenski abre a porta a cambios entre os "dirixentes do Estado".
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)

Logo de lanzar unha nova ofensiva a fin de semana contra a urbe, as forzas rusas avanzan xa no interior da cidade de Avdivka, na rexión de Donetsk, confirmaron hoxe medios especializados, mentres que os militares ucraínos recoñeceron a perda de territorio.

Rusia trata en paralelo de fechar o cerco arredor da localidade. Para Moscova, a toma de Avdivka permitiría afastar a guerra da cidade de Donetsk, capital da rexión homónima.

Ao tempo, tamén consolidaría os avances territoriais das tropas rusas após facerse con Marinka e Bakhmut, tamén en Donetsk, e nun momento especialmente tenso no interior da cúpula militar e gobernamental de Kíiv ao transcender a intención do presidente Volodimir Zelenski de substituír o líder do Exército, Valeri Zaluzhni.

Mudanzas na cúpula ucraína

De feito, o mandatario admitiu que está a “reflexionar” sobre o cambio dunha “serie de dirixentes do Estado”, defendendo a necesidade dun “reinicio” e admitindo un “estancamento” no plano militar, algo do que responsabilizou os “atrasos no equipamento” proporcionado pola Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

O recoñecemento de Zaluzhni hai uns meses de que, despois do fracaso da contraofensiva militar ucraína, se alcanzara un estancamento nas liñas da fronte, xerou unha importante confrontación con Zelenski, que desbotou que iso estivera a suceder.

Ataque a Luhansk

Dmitri Peskov, voceiro do Kremlin, cualificou como “ataque terrorista” o bombardeo ucraíno o sábado contra unha panadaría en Lisichansk, no oblast de Luhansk, no que faleceron 28 civís, entre eles unha crianza.

Comentarios