A Fiscalía española fecha a investigación do masacre no valado de Melilla tras, cando menos, 23 mortes

Non hai delito das forzas de seguridade españolas na súa actuación no masacre na fronteira de Melilla, asevera a Fiscalía, que ignora as peticións de organismos internacionais e en defensa dos dereitos humanos para esclarecer o acontecido, así como as probas de crimes ao dereito internacional.
Migrantes detidos pola Policía marroquí despois do intento de entrar en Melilla a finais de xuño. (Foto: AMDR Nador)
photo_camera Migrantes detidos pola Policía marroquí despois do intento de entrar en Melilla a finais de xuño. (Foto: AMDR Nador)

A pesar das reiteradas solicitudes da Oficina de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU) para que tanto o Estado español como Marrocos desenvolveran unha investigación independente do masacre no valado de Melilla o pasado 24 de xuño que incluíse unha rendición de contas, a Fiscalía española decidiu onte arquivar a investigación ao respecto, nun decreto no que defende que non hai indicios de delito das forzas de seguridade españolas e avala as conclusións emitidas por Marrocos.

Así e todo, remitiu ao Director Adxunto Operativo da Garda Civil o informe de dous axentes que lanzaron pedras contra as persoas migrantes que trataban de entrar na Unión Europea (UE), apuntando que podería constituír unha infracción disciplinaria.

Tampouco considera delito os disparos de pelotas de goma e bombas lacrimóxenas dos axentes españois contra os migrantes que ao tempo trataban de fuxir da represión da Policía marroquí, o que foi revelado polas investigacións xornalísticas, e que define como “conduta proporcionada” que supostamente non omitiu o deber de socorro.

As autoridades marroquís informaron da morte de 23 persoas no masacre, un número que as organizacións de dereitos humanos que traballan na zona eleva a cando menos 37, sinalando que outras 77 persoas están desaparecidas. Rabat enterrou os falecidos en fosas rapidamente tras o masacre.

O documento asinado por Beatriz Sánchez, fiscal da Sala Coordinadora de Estranxeiría, aduce que permitir o paso dos migrantes subsaharianos tería “posto en perigo a vida dos axentes”, que, destaca, “non apreciaron nin puideron apreciar a existencia de feridos e falecidos”, malia que as imaxes desvelan como as autoridades marroquís recolleron cadáveres en territorio español, algo negado polo ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, que rexeitou dimitir polos acontecementos.

A Fiscalía tampouco ve irregularidades na expulsión sen proceso xudicial de 470 persoas, aínda que recoñece que con toda probabilidade cumprían os requisitos para recibir protección internacional, e avala a actuación das forzas de seguridade no que denomina “rexeitamento na fronteira”, incluído na Lei mordaza aprobada polo Partido Popular e mantida polo actual Executivo español.

A mesma ONU resolveu que estas expulsións foron ilegais, con testemuñas afirmando que afectaron até a menores de idade.

Ao tempo, citando a información proporcionada por Marrocos, a Fiscalía subliña que as entre 700 e 800 persoas que buscaban cruzar o valado tiñan unha actitude “hostil e violenta”.

Os motivos do intento masivo de chegar á UE

Nun primeiro momento, Rabat culpou Alxeria -que está no medio dunha crise diplomática con Marrocos e o Estado español- por deixar pasar a multitude de persoas migrantes. Porén, migrantes citados pola BBC explican que foron as autoridades marroquís as principais responsábeis, pois unha vez que o país árabe recuperou as relacións bilaterais co Estado español, que inclúen que Marrocos controle o fluxo migratorio cara á UE, policías marroquís desprazáronse aos campamentos de migrantes para ameazalos coa morte no caso de que non abandonasen a área, o que motivou que boa parte deles se dirixise ao valado despois de que os axentes queimaran as súas pertenzas.

"Encubrimento e racismo"

Para Amnistía Internacional, que cuestionou hai poucas semanas a falta de avances dunhas pescudas que ignoraron “a montaña de probas de graves violacións de dereitos humanos”, isto “denota encubrimento e racismo”, afirmou Agnès Callamard, a súa secretaria xeral, que denunciou crimes ao dereito internacional por parte de Madrid e Rabat.

Tanto forzas soberanistas como Unidas Podemos rexeitaron a decisión da Fiscalía, advertindo esta última formación de que o informe ten “carencias e contradicións serias”, así como que o Ministerio Público ten que “protexer e velar polas vítimas deste tipo de sucesos”.

Comentarios