Marlaska rexeita participar no debate do Parlamento Europeo sobre a actuación policial no valado de Melilla

O responsábel español de Interior negou en varias ocasións que decorrese ningún "masacre" na fronteira con Marrocos.
O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska. (Foto: Europa Press)

O ministro de Interior do Goberno español, Fernando Grande-Marlaska, vén de rexeitar o convite á comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Interior desta quinta feira, na que se debaterá sobre a actuación policial española e marroquí o pasado mes de xuño en Melilla. Aquel día, case corenta persoas faleceron polas feridas derivadas das cargas dos axentes de ambos os lados da fronteira.

Marlaska, que recibiu a invitación por carta o pasado 25 de outubro, xustificou a súa incomparecencia polas dúas investigacións aínda abertas tanto pola Fiscalía Xeral do Estado como polo Defensor do Pobo español.

En concreto, as dúas institucións intentan discernir cal foi o grao real de actuación dos corpos efectivos policiais despregados en Melilla o pasado 24 de xuño, cando centos de persoas intentaron cruzaron a fronteira entre Marrocos e o Estado español, sendo repelidos con brutalidade polos axentes do país africano.

Porén, segundo denunciaron varios medios españois e constatou a BBC nun documental publicado a pasada semana, o asasinato de persoas migrantes non tería ocorrido só no lado marroquí do valado, senón que as autoridades españolas tamén terían participado na represión que se saldou con 37 falecementos.

Negación do “masacre”

Sexa como for, o ministro de Interior negou en varias ocasións que se producira ningún “masacre” no valado de Melilla. Nunha comparecencia parlamentaria para dar contas sobre a actuación do Estado español neste episodio, Grande-Marlaska non mencionou en ningún momento o número de persoas asasinadas o pasado 24 de xuño, mais si citou en varias ocasións que 55 axentes da Garda Civil resultaron feridos nun “ataque” de “1.700 persoas actuando en grupo e en actitude violenta”.

O titular de Interior tamén manifestou que se trataba dun “grupo organizado” que preparou un “episodio violento de entrada irregular” no Estado español, e asegurou que “non vai permitir que lle dean leccións de dereitos humanos, somos os únicos que temos servizo de Salvamento Marítimo”. Neste sentido, a súa intervención baseouse en contar a mesma versión que xa dera en declaracións aos medios noutras ocasións.

Unha investigación “imprescindíbel”

A pasada semana, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou como "imprescindíbel" abrir unha "investigación en profundidade" sobre o ocorrido no valado de Melilla.

En declaracións aos medios, Rego lembrou que os nacionalistas xa solicitaran unha "comisión de investigación". "Aínda que en realidade foron dúas, porque unha fixémola no seu día con outras forzas políticas, e recentemente pedímola tamén coas novas informacións que apareceron nunha reportaxe da BBC", explicou.

Comentarios