Marrocos, acusado de soterrar en fosas os cadáveres dos inmigrantes asasinados sen practicarlles autopsia

Asociacións e organismos lamentan o "tratamento violento e degradante" da policía de Marrocos coas persoas migrantes que intentaban cruzar o enreixado de Melilla.
A policía de Marrocos amontona os corpos de varios migrantes mortos e feridos en Melilla. (Foto: AMDH)
photo_camera A policía de Marrocos amontona os corpos de varios migrantes mortos e feridos en Melilla. (Foto: AMDH)

A Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) denunciou no día de onte que as autoridades de Marrocos están a preparar varias fosas nun descampado para soterrar os inmigrantes subsaharianos e sudaneses asasinados o pasado 24 de xullo no enreixado de Melilla.

Nunha imaxe compartida nas súas redes sociais, e posteriormente confirmada por varios medios españois, pode verse como varios traballadores cavan na terra até 23 fosas, o número de pasamentos recoñecido por Marrocos, a pesar de que a ONU cifra en 37 as persoas falecidas.

Aliás, AMDH denuncia que as autoridades non teñen pensado levar a cabo autopsias aos inmigrantes asasinados, que agora mesmo se atopan na morgue do hospital Hassani. Omar Naji, responsábel da asociación na cidade de Nador, asegurou a El País que nas instalacións os corpos estaban a ser depositados no chan, o que indicaba que esta estaba saturada.

Na propia sexta feira, cando tiveron lugar as agresións dos axentes de policía de Marrocos, AMDH xa denunciou que o Goberno do país africano tiña pensado soterrar canto antes os cadáveres para evitar que se afondase na investigación do ocorrido. Neste sentido, a asociación pide que se paralice este soterramento e que se leven a cabo as investigacións precisas, entre elas as autopsias.

"Tratamento violento e degradante"

Pola súa parte, a Unión Africana (UA) mostrou a súa preocupación polo "tratamento violento e degradante" por parte de Marrocos ás persoas migrantes que intentan cruzar cada ano o enreixado de Melilla. Ao igual que AMDH, exixiu unha investigación "inmediata" do ocorrido o día 24.

O presidente da Comisión de UA, Moussa Faki Mahamat, expresou a súa "conmoción" e "preocupación" pola actuación policial, e lembrou que todos os países "teñen as súas obrigas baixo o Dereito Internacional de tratar todos os migrantes con dignidade e priorizar a súa seguridade e Dereitos Humanos, ao tempo que se evita o uso dunha forza excesiva".

Tamén o Goberno de Alxeria denunciou na noite deste domingo as "auténticas execucións sumarias" que levaron a cabo integrantes da policía marroquí a pasada sexta feira. "As imaxes desta carnicería son extremadamente impactantes", afirmou o enviado especial do Goberno alxerino para o Sáhara Occidental e os países do Magreb, Amar Belani.

O representante de Alxeria afirmou que o ocorrido desvela o "verdadeiro rostro" de Marrocos en materia migratoria. "Estamos moi lonxe do suposto papel exemplar dramatizado durante a celebración da cimeira en Marrakech do Pacto Mundial para unha migración segura, ordenada e regular".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios