Sánchez, en relación aos sucesos no valo de Melilla: "Hai que pórse na pel da policía marroquí"

O ministro de Interior defende que o acontecido en Nador foi un "ataque violento" protagonizado por 2.500 migrantes organizados e provistos de medios "perigosos".
Pedro Sánchez na xornda inaugural do cumio da OTAN en Madrid. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez na xornda inaugural do cumio da OTAN en Madrid. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press).

Pedro Sánchez defendeu nunha entrevista na Cadena SER as súas declaracións tras a morte de polo menos 23 migrantes no valo de Melilla e afirmou que "temos que ser empáticos e pornos na pel dos falecidos e as súas familias, pero tamén nos temos que pór na pel das nosas forzas de seguridade e dos cidadáns de Ceuta e Melilla, que queren vivir tranquilos".

Sánchez, confirmou que ademais dos 40 gardas civís feridos a pasada sexta feira no "ataque violento" acontecido en Nador, no valo de Melilla, máis de cen xendarmes marroquís resultaron feridos e, algúns deles mortos.

O uso da forza excesiva por parte das autoridades debe ser investigada porque é inaceptábel

Ademais, admitiu que aínda non vira as imaxes dos falecidos amoreados -23 migrantes mortos segundo as autoridades marroquís, unha cifra que as ONG elevan a 37- cando dixo que o ataque fora ben resolto polas forzas de seguridade de Marrocos e España.

"Ataques violentos"

O xefe do Executivo estatal asegurou que nos últimos 12 meses producíronse oito intentos de ataque a Melilla, "ataques violentos e organizados por mafias con xente armada con garfos. Entendo que queiran saltar, pero o deber de España é salvagardar a tranquilidade".

Neste sentido, defendeu o dereito dos "compatriotas" en Ceuta e Melilla a ter as súas fronteiras "seguras" e a poder vivir "con tranquilidade" nestas dúas cidades autónomas "que son tamén España".

Malia non renunciar a "render contas polo sucedido" volveu incidir na responsabilidade das mafias. Todo despois de que a ONU determinase que tanto España como Marrocos fixeron un "uso excesivo da forza" no valo de Melilla. "O uso da forza excesiva por parte das autoridades debe ser investigada porque é inaceptábel", remarcou o secretario xeral de Nacións Unidas, António Guterres.

Sudán

Por iso, propuxo traballar en Sudán para evitar "traxedias" como a de Nador porque é o país do que vén moitos migrantes aos que se ve saltar o valo de Melilla "de forma violenta". En todo caso, cualificou de "ameaza" calquera intento dun grupo "importante" de migrantes de cruzar o valo.

España é o único país da UE que ten fronteira terrestre con África

Ao seu xuízo, a política migratoria non pode ser só de reforzo de fronteiras, senón que se ten que traballar cos países de tránsito para dar unha resposta "omnicomprensiva a un fenómeno tan complexo como a migración" e por iso, dixo que España defende a necesidade de contar cun pacto de migración e asilo.

"España é o único país da UE que ten fronteira terrestre con África. Cando falas coas autoridades marroquís, eles tamén ten un problema coa migración irregular e as mafias", aseverou.

Grande-Marlaska

Por outra parte, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, defendeu na sesión de control ao Goberno o respecto "escrupuloso" nas actuacións policiais para defender a fronteira de Melilla de "ataques violentos" como o ocorrido no valo de Melilla, asegurando que non ten "ningún complexo" ante controis internos e externos como o exposto en investigacións da Fiscalía Xeral do Estado ou Nacións Unidas.

Foi un "ataque violento" protagonizado por 2.500 migrantes organizados e provistos de medios "perigosos"

Grande-Marlaska afeou aos grupos que fagan unha "interpretación parcial" e "interesada" do que dixo Sánchez cando cualificou que o incidente en Melilla fora "ben resolto" pola actuación conxunta das policías estatais e marroquís, e reiterou que foi un "ataque violento" protagonizado por 2.500 migrantes organizados e provistos de medios "perigosos".

Comentarios