Primeiras vítimas após o acordo entre España e Marrocos: Ascenden a 37 os mortos ao tratar de saltar o valado de Melilla

Trinta e sete mortos e 76 feridos, entre eles, 13 graves, en solo marroquí é o balance da ultima tentativa de migrantes por pasar, a través do valado de Melilla, a territorio español na sexta feira. Son datos actualizados na tarde do sábado ofrecidos por ONG que operan sobre o terreo. As cifras oficiais reportan 18 falecementos.

melilla
photo_camera Ducias de feridos, amoreados no chan, rodeados de axentes marroquís. (Imaxe: Europa Press)

A actuación de axentes marroquís provocou na sexta feira un total de 37 mortos e 76 feridos, 13 deles de gravidade, entre migrantes que trataban de saltar o valado de Melilla para acceder a solo español. Trátase do último balance de vítimas, dado a coñecer na tarde do sábado.

Segundo Marrocos, 140 axentes ficarían feridos, cinco deles de gravidade, nunha actuación caracterizada polo uso de métodos “moi violentos” por parte das forzas de seguridade. Segundo as autoridades españolas, 2.000 persoas trataban nese momento de saltar o valado.

Sin título
Migrantes feridos amoreados no chan

O Estado español aduce que parte das mortes debeuse a caídas ao chan cando os migrantes escalaban polo valado, mais aínda se descoñece a versión dos feridos e das testemuñas que presenciaron como Marrocos repeleu a entrada ao territorio español.

A Asociación Marroquí de Dereitos Humanos de Nador publicou en Twitter unhas imaxes nas que se percibe ducias de migrantes no chan, feridos, rodeados da Policía marroquí.

Na publicación, ponse de manifesto: “Desta maneira inhumana, uns enriba doutros, as autoridades marroquís detiveron decenas de inmigrantes subsaharianos fronte ao valado”.

Segundo a Delegación do Goberno español, 133 persoas lograron acceder a Melilla. Tamén informa de que 49 axentes da Garda Civil ficaron feridos, ao igual, asegura, que 57 migrantes, dos cales tres tiveron que ser trasladados ao hospital.

Sánchez advirte dun “asalto violento” de migrantes

Trátase do primeiro salto ao valado após abrirse unha nova etapa nas relacións diplomáticas entre o Goberno de Pedro Sánchez e Marrocos. Precisamente, o xefe do Executivo español felicitou a “cooperación” do dispositivo das forzas e corpos de seguridade de Marrocos e de España para frear o que denominou “asalto violento” de migrantes.

As reaccións políticas non tardaron en chegar. A portavoz de IU no Parlamento europeo, Sira Rego, rexistrou unha batería de preguntas co fin de que Bruxelas investigue o acontecido. Tamén inquire a Comisión Europea sobre o acordo migratorio entre o Goberno español -do que IU, como membro de Unidas Podemos forma parte- e Marrocos.

ONG reclaman ao Estado español explicacións

Varias ONG de axuda a migrantes esixiron ás autoridades españolas e marroquís unha investigación do sucedido no salto ao valado que se rexistrou na sexta feira en Melilla. Aínda que a cifra oficial de mortes é de 18, entidades como Camiñando Fronteiras refiren un número maior.

En concreto, a activista e fundadora desta organización, Helena Maleno, asegura que a ONG "pode confirmar 37 mozos falecidos". Ademais, denunciou que "as vítimas" deste suceso agonizaron "durante horas baixo a cruel mirada daqueles que debían socorrelos e non o fixeron".

A Asociación a prol dos Dereitos Humanos de Andalucía exixiu unha "investigación inmediata" e considera que "a externalización dos controis fronteirizos fai o Estado español corresponsable desta traxedia". Ao seu xuízo, "calquera intento de enterrar urxentemente todos os migrantes falecidos" neste suceso "sen realizar unha investigación adecuada e seria", sería visto como un obstáculo "para determinar a responsabilidade do ocorrido".

Desde Solidary Wheels consideran que as forzas e corpos de seguridade de Marrocos e España "exerceron un dos maiores episodios de violencia policial vividos nos últimos tempos en Melilla" e, por iso, chaman tamén a "esclarecer os feitos". Do mesmo modo, reclaman vías legais e seguras para as persoas que buscan migrar desde os seus países e chegar a Europa e piden que "non se devolva" a quen si lograron cruzar a fronteira na cidade autónoma.

Comentarios