O BNG considera "imprescindíbel" unha investigación en profundidade sobre as mortes no valado de Melilla

Esta segunda feira, un grupo de deputados da Comisión de Interior do Congreso visitou Melilla para recoller información sobre o sucedido o pasado mes de xuño.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou como "imprescindíbel" abrir unha "investigación en profundidade" sobre o ocorrido o pasado 24 de xuño no valo que separa Melilla de Marrocos, cando decenas de persoas foron asasinadas mentres intentaban cruzar a fronteira.

As palabras de Rego chegan despois de que un grupo de deputados da Comisión de Interior do Congreso visitase Melilla para recoller información sobre o sucedido. Na súa viaxe, os representantes políticos foron até paso fronteirizo do Barrio Chinés, onde se produciu o ataque contra as persoas migrantes.

En declaracións aos medios, Rego lembrou que os nacionalistas xa solicitaron unha "comisión de investigación". "Aínda que en realidade foron dúas, porque unha fixémola no seu día con outras forzas políticas, e recentemente pedímola tamén coas novas informacións que apareceron nunha reportaxe da BBC", explicou.

Para o deputado do BNG, a visita dos deputados á cidade autónoma "parece" que "confirma" o visto na reportaxe. Neste sentido, dixo estar convencido de que as imaxes mostran "corpos" das persoas asasinadas polos servizos policiais en "territorio controlado polas autoridades españolas".

Así, denunciou que "iso é algo que o ministro do Interior [Fernando Grande-Marlaska] sempre negou e parece que se confirma, e é por iso que é imprescindíbel que se faga unha investigación en profundidade sobre o que aconteceu e sobre se o Goberno español actuou con corrección nunha tema desta gravidade".

Intervención de Grande Marlaska no Congreso

O deputado nacionalista fixo referencia á intervención de Grande Marlaska o pasado mes de setembro no Congreso cando negou que se producise ningún “masacre” no valo de Melilla.

Na súa comparecencia parlamentaria, Grande-Marlaska non mencionou en ningún momento o número de persoas asasinadas o pasado 24 de xuño, mais si citou en varias ocasións que 55 axentes da Garda Civil resultaron feridos nun “ataque” de “1.700 persoas actuando en grupo e en actitude violenta”.

O titular de Interior tamén manifestou que se trataba dun “grupo organizado” que preparou un “episodio violento de entrada irregular” no Estado español, e asegurou que “non vai permitir que lle dean leccións de dereitos humanos, somos os únicos que temos servizo de Salvamento Marítimo”.

Naquela sesión parlamentaria, Rego afirmou que este suceso “foi unha brutal violación dos dereitos humanos, perpetrada por Marrocos, pero coa colaboración e o aplauso do Goberno español”. O deputado nacionalista lembrou que, poucas horas despois da actuación da policía marroquí contra as persoas migrantes, o presidente español, Pedro Sánchez, felicitouna por un “traballo ben resolto”.

Comentarios