Grande-Marlaska nega o "masacre" ocorrido no valo de Melilla, cando a policía marroquí asasinou 37 persoas

Na súa comparecencia parlamentaria, o ministro non mencionou en ningún momento o número de persoas asasinadas o pasado 24 de xuño.
Fernando Grande-Marlaska e Enrique Santiago, no Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Fernando Grande-Marlaska e Enrique Santiago, no Congreso. (Foto: Europa Press)

O ministro de Interior do Goberno español, Fernando Grande-Marlaska, negou esta cuarta feira no Congreso que se producise ningún “masacre” no valo de Melilla o pasado mes de xuño, cando 37 persoas, como mínimo, foron asasinadas pola policía marroquí no seu intento de cruzar a fronteira do Estado español.

Na súa comparecencia parlamentaria, Grande-Marlaska non mencionou en ningún momento o número de persoas asasinadas o pasado 24 de xuño, mais si citou en varias ocasións que 55 axentes da Garda Civil resultaron feridos nun “ataque” de “1.700 persoas actuando en grupo e en actitude violenta”.

O titular de Interior tamén manifestou que se trataba dun “grupo organizado” que preparou un “episodio violento de entrada irregular” no Estado español, e asegurou que “non vai permitir que lle dean leccións de dereitos humanos, somos os únicos que temos servizo de Salvamento Marítimo”.

Grande-Marlaska compareceu hoxe no Congreso para dar explicacións por primeira vez polo ocorrido en Melilla. Porén, a súa intervención baseouse en contar a mesma versión que xa dera en declaracións aos medios noutras ocasións.

Reacción do resto de forzas parlamentarias

Na súa quenda de intervención, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou que este suceso “foi unha brutal violación dos dereitos humanos, perpetrada por Marrocos, pero coa colaboración e o aplauso do Goberno español”. O deputado nacionalista lembrou que, poucas horas despois da actuación da policía marroquí contra as persoas migrantes, o presidente español, Pedro Sánchez, felicitouna por un “traballo ben resolto”.

Nun ton semellante manifestouse Maria Dantas, deputada de ERC, que afirmou que “o Estado español paga e Marrocos mata”, mentres que Mariona Illamola, de Junts per Catalunya, preguntou se “non se poden controlar as fronteiras sen inflixir tratos desumanos e degradantes.

Pola súa parte, o deputado de Unidas Podemos Enrique Santiago non criticou a actuación española no episodio do 24 de xuño, e só pediu que se estabeleza un protocolo para pedir asilo nas fronteiras.

Pola súa parte, PP e Vox empregaron a intervención de Grande-Marlaska para criticar a política de achegamento de presos de ETA a cárceres de Euskadi por parte do Goberno español.

Comentarios