A Fiscalía do Supremo avala acusar Carles Puigdemont por terrorismo

A Comisión de Xustiza terá até o 21 para emitir un ditame sobre a amnistía
Carles Puigdemont (Foto: Álex Flores / Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont. (Foto: Álex Flores / Europa Press)

A Xunta de Fiscais do Tribunal Supremo español resolveu hoxe desbotar o informe de Álvaro Redondo, representante do Ministerio Público na investigación polas protestas da organización catalá Tsunami Democrátic.

11 de 15 fiscais que participaron na reunión apoiaron a existencia de indicios suficientes para imputar o ex presidente catalán Carles Puigdemont (Junts) e Ruben Wagensberg, membro da Mesa do Parlamento territorial por Esquerra Republicana de Catalunya, ambos os dous aforados.

Ademais, 12 membros da Fiscalía aceptaron que se lles poida atribuír un delito de terrorismo, como insiste o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón, vinculado ao Partido Popular (PP).

Rexeitamento dos fiscais encargados

Redondo, como antes fixera o fiscal encargado do caso na Audiencia, Miguel Ángel Carballo, rexeitou que houbera indicios que permitiran avanzar na acusación, especialmente de actividades que se puideran vincular co terrorismo.

O Executivo español trasladou a medios estatais que “a decisión a ten quen a ten”, aludindo a xerarquía do Ministerio Público e facendo énfase en que a posición da Xunta de Fiscais non é definitiva. María Ángeles Sánchez-Conde, tenente fiscal do Supremo, é a encargada de emitir o informe final da Fiscalía.

Amnistía

Arredor da proposta de lei orgánica de amnistía, a Mesa do Congreso decidiu abrir un prazo até o 21 de febreiro para que a Comisión de Xustiza da Cámara Baixa aprobe un novo ditame sobre a norma, despois do que volvería ser debatida e votada no Congreso após tombala Junts no Hemiciclo ao considerar que non blindaba as persoas independentistas catalás represaliadas da persecución da Xustiza española.

Comentarios