O fiscal do 'Caso Tsunami' cuestiona o xuíz García-Castellón, vinculado co PP

O maxistrado acusou sen indicios Puigdemont de terrorismo.

EuropaPress_3184173_teniente_fiscal_audiencia_nacional_miguel_angel_carballo_juicio_mayor
photo_camera Miguel Ángel Carballo, fiscal español. (Foto: Europa Press)

Non hai nin “un dato” que permita acusar o ex presidente catalán Carles Puigdemont ou Marta Rovira, secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), entre outras persoas imputadas, de inducir ou cooperar con actos violentos, nunha instrución xudicial cunha “significativa falta de argumentos para a concreta imputación de feitos de matiz terrorista aos investigados”, defendeu o fiscal Miguel Ángel Carballo nunha resolución da pasada cuarta feira mais que transcendeu hoxe.

Carballo é o fiscal asignado na causa que investiga Tsunami Democràtic, a entidade catalá que liderou as protestas polas sentenzas de prisión contra os membros do Goberno territorial que impulsaron un referendo de autodeterminación en 2017, e que dirixe o xuíz da Audiencia Nacional española Manuel García-Castellón, vinculado ao Partido Popular (PP).

Nin sequera unha "conxectura"

A instrución do caso efectuada polo maxistrado conta con “flagrantes contradicións”, recalca o representante do Ministerio Público, desbotando que a inculpación de Puigdemont alcance sequera o nivel de “conxectura”.

Un dos imputados, Ruben Wagensberg (ERC), que integra a Mesa do Parlamento catalán, exiliouse esta semana en Suíza, onde tamén se atopa Rovira, polo temor que lle provocou a súa implicación no caso.

Acusado de 'lawfare'

A vicepresidenta terceira do Goberno español, Teresa Ribera, acusou García-Castellón de lawfare, o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos.

Namentres, o presidente estatal, Pedro Sánchez (PSOE), subliñou que co proxecto de lei de amnistía “serán amnistiados todos os independentistas cataláns porque non son terroristas”.

Comentarios