Unha filtración revela que hai case 100 soldados da OTAN en Ucraína

A metade dos militares divulgados polo documento confidencial procedería do Reino Unido, que advertiu das inexactitudes dos arquivos.
Casa destruída no Donbás. (Foto: Yuliia Ovsiannikova / Europa Press / Contacto)
photo_camera Casa destruída no Donbass. (Foto: Yuliia Ovsiannikova / Europa Press / Contacto)

Novos documentos que forman parte da filtración de arquivos confidenciais da Intelixencia dos Estados Unidos recollen que arredor dun centenar de soldados de operacións especiais de países da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) están presentes en Ucraína, sen debullar as actividades que desenvolven no país en guerra, desvelaron esta cuarta feira medios internacionais.

O texto detalla que o maior número de tropas provén do Reino Unido, con 50 soldados, mentres que Letonia tería despregado 17, Francia 15, os Estados Unidos 14 e os Países Baixos un militar. A información foi rapidamente negada por París, á vez que Londres alertaba dun alto risco de desinformación pola difusión de documentos inexactos, malia que Washington recoñeceu que a filtración representa un “grave risco” para a súa seguridade nacional.

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, destacou que “moito antes da aparición destes documentos tíñamos e aínda temos información de que moitos instrutores de países da OTAN, incluído o Reino Unido, e combatentes están a participar nas hostilidades”.

Outro dos textos difundidos apunta que para o Pentágono Corea do Norte “exaxera” a ameaza que representan os seus mísiles, indicando que exhibe “sistemas non operativos para representar unha forza de mísiles máis grande e máis capaz da que posúe”.

Tamén foi divulgada unha listaxe da posición avaliada polos Estados Unidos da dispoñibilidade de varios Estados europeos de adestrar as tropas ucraínas ou enviar armamento ao Exército de Kíiv, na que subliña que Serbia, un dos países europeos que se negaron a unirse ás sancións coercitivas contra Rusia, “proporcionou ou se comprometeu a proporcionar axuda letal” a Ucraína, o que foi negado por Belgrado, que asegurou que “desmentimos máis de dez veces esas falsidades, Serbia non vendeu nin venderá armas á parte ucraína ou á rusa, nin aos países que rodean ese conflito”, e denunciou que “alguén ten como obxectivo arrastrar Serbia a ese conflito”.

Os dous únicos Estados da listaxe que para Washington non aceptaron colaborar de ningún modo foron Austria e Malta. No referente á guerra en Ucraína, a Organización das Nacións Unidas condenou a “brutal execución” dun suposto prisioneiro de guerra ucraíno por parte das forzas rusas, e incidiu en que non se trata dun “incidente illado”, pois xa expuxo con anterioridade crimes contra os prisioneiros de guerra en ambos os bandos.

Comentarios