Rusia critica que a OTAN acabe coa estabilidade no norte de Europa coa entrada de Finlandia

Finlandia xa é o 31º membro da alianza militar encabezada por Washington, unha decisión censurada por Rusia, que acusa Helsinki de “abandonar definitivamente a súa identidade propia e calquera autonomía”.
Pekka Haavisto, titular de Exteriores de Finlandia, onte. (Foto: Emmi Korhonen / Lehtikuva / DPA)
photo_camera Pekka Haavisto, titular de Exteriores de Finlandia, onte. (Foto: Emmi Korhonen / Lehtikuva / DPA)

“A expansión da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) é unha intrusión na nosa seguridade e intereses, así o percibimos”, sostivo a terza feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, en relación á adhesión de Finlandia á alianza militar, que se fixo efectiva o mesmo día.

Ao tempo, salientou que afectará as relacións bilaterais con Helsinki, apuntando que a OTAN é unha estrutura “hostil” a Rusia, e obrígaos a “adoptar contramedidas tácticas e estratéxicas”. Nese sentido, o ministro de Defensa, Sergei Shoigu, indicou que están a “incrementar as actividades de adestramento en combate e recoñecemento perto das fronteiras con Rusia e Belarús”, e afirmou que a incorporación finesa crea un risco “significativo” de expansión do conflito en Ucraína.

Asemade, o Ministerio de Asuntos Exteriores ruso abundou en que estas medidas “dependerán das condicións específicas para a integración dese país, incluída a despregadura de infraestrutura militar da OTAN e sistemas de armas de ataque no seu territorio”.

Abandono da autonomía

Tamén fixo fincapé en que ao duplicarse os quilómetros de fronteira entre Rusia e a alianza militar liderada polos Estados Unidos “produciuse un cambio drástico na rexión do norte de Europa, antes unha das máis estábeis do mundo”, e no que atinxe a Finlandia destacou que “abandonou definitivamente a súa identidade propia e calquera autonomía”, “perdendo a súa voz especial nos asuntos internacionais”. En todo caso, Moscova “non tiña disputas con Finlandia”, sinalou Peskov.

Porén, desde o país nórdico a percepción é que a decisión “aumenta a seguridade de Finlandia”, explicou Teivo Teivainen, profesor de Política Mundial da Universidade de Helsinki, que matiza que a potencial defensa da OTAN perante un ataque externo ofrece tranquilidade ao país “na maioría das circunstancias imaxinábeis”.

Iso si, no caso “dun gran conflito entre a OTAN e Rusia, unha guerra nuclear ou algo así”, as cousas cambiarían, pois “Finlandia sería un país de primeira liña, e polo tanto Rusia podería destruílo facilmente nesa situación”.

Pola súa parte, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, trasladou pouco antes de que o titular de Exteriores finés, Pekka Haavisto, entregara os últimos documentos requiridos para formalizar a adhesión que "non haberá tropas da OTAN en Finlandia sen o consentimento de Finlandia", e insistiu en que a entrada de Suecia na alianza militar é unha prioridade.

Comentarios