A ruptura do alto o fogo no Donbass aumenta a tensión en Ucraína

O Exército ucraíno e as forzas afíns aos gobernos de Donetsk e Lugansk acúsanse mutuamente de violar o cesamento da violencia reflectido no Acordo de Minsk.
Un policía controla a área da escola infantil onde esta quinta feira himpactou un proxectil na cidade de Stanitsa Luganska (Foto: Diego Herrera / Europa Press).
photo_camera Un policía controla a área da escola infantil onde esta quinta feira impactou un proxectil, na cidade de Stanitsa Luganska (Foto: Diego Herrera / Europa Press).

A crise diplomática entre Rusia e os países da OTAN segue a aumentar após reportaren os medios de comunicación da zona bombardeos na rexión do Donbass, no leste de Ucraína, nas últimas horas.

Esta quinta feira o alto representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, afirmaba que "xa comezou o bombardeo nalgunhas partes da fronteira", se ben apuntaba que os países da UE non aprobarán as sancións preparadas contra a Federación Rusa "até que o nivel de intensidade da agresión así o requira".

"Tivemos noticias sobre unha retirada de tropas rusas, mais non hai evidencia diso", engadiu, en alusión aos recentes anuncios do Goberno de Vladimir Putin sobre a marcha de varios dos efectivos enviados a Crimea e Belarús para realizar manobras militares, segundo o Kremlin.

Pola súa parte, a OTAN acordou esta cuarta feira despregar novos batallóns de combate no leste de Europa, nomeadamente en Romanía e o mar Negro.

Cruzamento de acusacións sobre os bombardeos

O Exército ucraíno afirma que, só esta quinta feira, producíronse máis de 60 incidentes "contrarios" aos compromisos adquiridos no Acordo de Minsk e reporta o bombardeo dunha escola infantil nunha localidade da autoproclamada república de Lugansk controlada polas forzas afíns a Kiev, e que tería rematado con dúas persoas feridas.

Porén, as milicias prorrusas defensoras dos gobernos de Donetsk e Lugansk acusaron o Exército de Ucraína de perpetrar un ataque con artillaría contra unha zona residencial do norte de Lugansk, Stanitsa Luganska, segundo informa a axencia de noticias rusa Sputnik.

A ONU, que apela á "moderación" para conter unha nova escalada de violencia, estima en máis de 14.000 as persoas falecidas por un conflito que estoupou en 2014.

Comentarios