Rusia reprocha a Estados Unidos a falta de vontade para asegurar a seguridade europea

Moscova remite a Washington a resposta ás propostas da Casa Branca.
EuropaPress_4258974_policia_da_instrucciones_frente_guarderia_donde_hoy_impactado_proyectil_17
photo_camera Impacto, onte, dun proxectil nunha gardaría en Lugansk (Foto: Diego Herrera / Europa Press)

O Goberno de Rusia advertiu de que se verá "na obriga de responder" en "ausencia da disposición" de Estados Unidos para acordar "garantías firmes e legalmente vinculantes" que garantan a seguridade de todas as partes, "mesmo mediante a posta en marcha de medidas técnico-militares".

Así figura na resposta enviada onte a Washington ás propostas presentadas polo Goberno de Joe Biden en materia de seguridade europea. Moscova considéraas "non construtivas" porque non deron resposta aos "elementos básicos" solicitados por Rusia previamente ─a non expansión da OTAN e o rexeitamento á creación de bases militares en territorios que anteriormente formaban parte da URSS, principalmente─.

EUA elixiu "deliberadamente" temas "convenientes" que, ademais, foron "retorcidos" para crear vantaxes para Washington e os seus aliados. "Ese enfoque, así como a retórica que o acompaña por parte dos funcionarios estadounidenses, reforza as dúbidas lexítimas de que Washington estea realmente comprometido con arranxar a situación de seguridade europea", reza o documento, recollido pola axencia rusa TASS.

Neste sentido, abunda en que a "crecente" actividade militar de EUA e a OTAN perto das fronteiras rusas é "alarmante". Engade ademais que "as exixencias finais de retirar as tropas de determinadas zonas do territorio ruso, acompañadas de ameazas de sancións máis duras, son inaceptábeis e socavan as perspectivas de chegar a acordos reais".

Tamén insiste en que "non hai nin está prevista" ningunha invasión rusa de Ucraína, polo que as "declaracións sobre a responsabilidade de Rusia na escalada non se poden considerar doutra maneira que como unha tentativa de presionar e restar valor ás propostas de garantías de seguridade presentadas por Moscova.

Consello de Seguridade

Por outra parte, no Consello de Seguridade da ONU desenvolvido onte, o viceministro de Exteriores de Rusia, Sergei Vershinin, reprochou a Kiev o "incumprimento" dos Acordos de Minsk, a folla de ruta para unha solución ao conflito no Donbass.

Na súa quenda de palabra, o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, asegurou que a información presentada sobre a posíbel agresión rusa "está validada". "Vímolo cos nosos propios ollos durante meses, e o que Rusia estivo a facer é deslexitimar nosas alertas cualificándoas de melodrama e sensentido mentres amasan tropas na fronteira de Ucraína e aumentan as súas capacidades de cara a unha posíbel invasión", alertou, ao tempo que asegurou que buscaba "non empezar unha guerra senón evitala".

Comentarios