A OTAN decide hoxe se crea novos batallóns de combate no leste de Europa

Rusia nega unha invasión en Ucraína e pide aos EUA que presenten "probas", mentres a Duma estatal insta Putin a recoñecer a independencia das repúblicas de Donetsk e de Lugansk, no leste de Ucraína.
Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Foto: DPA / Europa Press).
photo_camera Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Foto: DPA / Europa Press).

Os ministros de Defensa dos países integrados na OTAN debaterán esta cuarta feira sobre a situación en Ucraína ante as crecentes tensións con Rusia pola despregadura de tropas na fronteira —malia que o Kremlin confirmou esta terza feira o regreso dos militares que facían manobras en Belarús e que o resto farano o vindeiro domingo—, nun encontro no que estudarán se reforzan a súa presenza no leste de Europa coa creación de novos batallóns de combate.

O Consello Atlántico, que contará coa presenza dos ministros ucraíno e xeorxiano no que supón toda unha declaración de intencións da OTAN ante a ameaza dunha hipotética invasión rusa, terá sobre a mesa a futura despregadura de novas forzas no flanco oriental. En concreto, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, apuntou á posta en marcha de grupos de combate en Romanía e Bulgaria, replicando o modelo destas unidades en Polonia e os países bálticos.

No marco da resposta da OTAN a Moscova, na que mobilizou forzas e recursos aéreos e terrestres adicionais nas súas misións de vixilancia nos mares Báltico e Negro, alén dos batallóns enviados, Stoltenberg falou dun "axuste a longo prazo" das forzas militares no leste, para o que o presidente francés, Emmanuel Macron, ofreceuse a liderar un novo grupo de combate en Romanía.

Sexa como for, esta decisión está nunha fase inicial e a propia OTAN indicou que non se produciría o envío destas tropas adicionais até a primavera. "Levaría algo de tempo realizar a despregadura e definir o mando e o control de todos os asuntos antes da potencial despregadura en Romanía", matizou, nunha rolda de prensa previa á xuntanza.

A reunión dos titulares de Defensa da OTAN é de carácter ordinario, mais preséntase como unha cita importante para comprobar a unidade mostrada pola Alianza Atlántica até o momento ante a "ameaza" que para ela representa a presenza militar rusa ás portas de Ucraína. Nestas semanas a organización militar xogou un papel central para canalizar a crise con Rusia, ao manter reunións con representantes do Kremlin e responder por escrito ás demandas de Moscova.

A OTAN alertou de que en Ucraína está en xogo a seguridade en Europa e pediu "vontade" ao Kremlin para lograr un "terreo común" co que reducir o risco militar e aumentar o control de armas e a transparencia nas manobras militares. En todo momento, a Alianza Atlántica abriuse a dialogar con Rusia sobre os preceptos da orde de seguridade europeo mais sen aceptar as exixencias rusas para que a OTAN non se expanda cara ao leste de Europa. Stoltenberg reclamou máis unha vez que a política de "porta aberta" da OTAN segue vixente, defendendo que levou "democracia e liberdade" a distintos puntos do continente.

Rusia nega unha ivasión

Por outra parte, o representante permanente de Rusia ante a Unión Europea (UE), Vladimir Chizhov, rexeitou esta cuarta feira as advertencias estadounidenses sobre un posíbel ataque ruso contra Ucraína —un 'día D' que os países occidentais databan nesta cuarta feira, 16 de febreiro—.

"No que atinxe a Rusia, podo asegurarlles que non haberá ningún ataque esta cuarta feira. Tampouco haberá unha escalada na vindeira semana, nin na seguinte, nin no vindeiro mes", dixo, en declaracións ao xornal alemán Die Welt.

Aliás, Chizhov emprazou os EUA a presentaren "probas" da hipotética invasión: "Cando fas acusacións, especialmente acusacións moi graves contra Rusia, tamén tes a responsabilidade de presentar probas. Do contrario, é unha calumnia".

Recoñecemento das repúblicas de Donetsk e Lugansk

Noutra orde, a Duma estatal rusa aprobou esta terza feira un chamamento ao presidente, Vladimir Putin, para que recoñeza a independencia de Donetsk e de Lugansk. A favor da resolución, presentada polo grupo parlamentario comunista, votaron 351 deputados, dos 450 que integran a Duma.

Antes da votación, o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, indicou que "para ninguén é un segredo que a opinión pública rusa reacciona vivamente a todo o que ocorre no Donbás", onde se enfrontan desde 2014 os separatistas prorrusos apoiados por Moscova e o Exército ucraíno. Rusia entregou máis de 700.000 pasaportes a cidadáns destas dúas rexións.

A decisión da Duma foi condenada pola UE. O xefe da diplomacia comunitaria, Josep Borrell, indicou que "este recoñecemento sería unha clara violación dos acordos de Minsk", impulsados para pacificar a zona e que tamén Moscova acusa a Kiev de incumprir.

Comentarios