Rusia retira tropas de Crimea, mais os EUA dubidan deste anuncio e afirman que hai 150.000 soldados nas fronteiras

O Kremlin promete unha "resposta proporcional" en Donetsk e Lugansk se o Exército ucraíno "invade" estas repúblicas autoproclamadas cuxa independencia pediu recoñecer a Duma estatal rusa.
Manobras do Exército ruso na península de Crimea, esta cuarta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Manobras do Exército ruso na península de Crimea, esta cuarta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

Segundo reportou na mañá desta quinta feira a axencia de noticias Sputnik, o Goberno da Federación Rusa vén de retirar parte das tropas despregadas na península de Crimea para a realización dunhas manobras militares que, segundo esta información, xa terían concluído.

Así, dez convois de vehículos militares marcharon de Crimea nas últimas horas, que se suman a unha serie de unidades blindadas do Distrito Militar Oeste (DMO) que tamén regresan a cadanseus acuartelamentos, informa Sputnik.

Porén, os Estados Unidos dubidan dos anuncios de repregamento dos últimos días: "Todos os indicios que temos agora apuntan que [Rusia] fala publicamente e fai afirmacións sobre a redución da escalada mentres se mobiliza en privado para a guerra", apuntaron esta cuarta feira fontes da Casa Branca.

As mesmas fontes din que aínda non puideron "verificar" a retirada de tropas anunciada polo Goberno de Vladimir Putin e aseguran que ten despregados "máis de 150.000 soldados arrodeando Ucraína e Belarús", polo que "a invasión segue a ser claramente posíbel". Nos últimos días, segundo Washington, as forzas rusas terían aumentado en 7.000 efectivos na zona.

De feito, a desconfianza dos países occidentais levou na cuarta feira á OTAN a acordar o envío de máis tropas ao leste de Europa, concretamente no mar Negro e Romanía.

A respecto da retirada de tropas rusas, o secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg, manifestou o seu escepticismo. "O paradoxo é que á vez que observamos que é posíbel progresar na senda diplomática, o que vemos no terreo é que non hai repregue e o que Rusia está a facer é mover posicións e lanzar ciberataques", dixo.

Rusia promete "responder" se Ucraína "invade" o Donbás

Por outra parte, Ucraína anunciou que levará ante o Consello de Seguridade da ONU a petición da Duma estatal rusa para que o Kremlin recoñeza a independencia de Donetsk e Lugansk.

Rusia respondeu a este anuncio, segundo Sputnik, prometendo unha "resposta" a unha "posíbel invasión" das dúas repúblicas autoproclamadas do Donbás por parte das forzas ucraínas. "Alí viven milleiros de cidadáns rusos e, en caso dunha invasión das Forzas Armadas de Ucraína, Rusia non os abandonará á súa sorte, senón que fará todo o posíbel para defendelos", apuntou a presidenta do Consello da Federación Rusa, Valentina Matvienko.

A resposta do Kremlin, afirmou, será "proporcional ás dimensións da agresión e a situación político-militar que xorda nese momento".

Comentarios