Os EUA espiaron a António Guterres, secretario xeral da ONU

Identificado o suposto autor da filtración na Intelixencia dos Estados Unidos, entrementres continúan facéndose públicos novos documentos, como o que revela a espionaxe de Washington ao secretario xeral da ONU.
Edificio en Khersón. (Foto: Celestino Arce / Europa Press / Contacto)
photo_camera Edificio en Khersón. (Foto: Celestino Arce / Europa Press / Contacto)

Un novo documento que forma parte da filtración de arquivos confidenciais do Pentágono, a sede do Departamento de Defensa dos Estados Unidos, revela que Washington espiou o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, publicaron a quinta feira medios internacionais.

No arquivo critícase á Guterres por “socavar os esforzos máis amplos para responsabilizar Moscova polas súas accións en Ucraína”, algo que os Estados Unidos atribúen ao traballo do secretario xeral para prorrogar o acordo de exportación de cereais polo mar Negro, asinado por Rusia e Ucraína coa mediación de Turquía e da ONU.

Moscova alertou en distintas ocasións que non aceptaría novas extensións no caso de non cumprirse os apartados referidos á fin dos obstáculos impostos polas sancións coercitivas dos Estados Unidos e a Unión Europea á exportación dos seus fertilizantes e grans.

Nese sentido, “Guterres fixo énfase nos seus esforzos por mellorar a capacidade de exportación de Rusia”, critica o documento, engadindo que para o líder da ONU o acordo era imprescindíbel “incluso se iso involucra entidades ou individuos rusos sancionados”.

Outro dos arquivos destaca que expresou a súa “consternación” ao coñecer o chamamento da presidenta do Executivo da Unión Europea, Ursula von der Leyen, para que o bloque comunitario aumentase a súa produción de armas.

Pola súa parte, o Ministerio de Exteriores ruso reclamou despois de facerse pública a información que se cumpra o pacto de forma íntegra para aceptar a extensión do acordo máis aló do 18 de maio, cando expira.

Ademais, The Washington Post informou de que identificou o suposto autor da filtración de Intelixencia, que traballa nunha instalación de seguridade estadounidense, e que tería publicado os datos no foro de Internet dun grupo dunha vintena de persoas unido polo seu “amor mutuo polas armas de fogo, o material militar e deus”. O sospeitoso publicou ao longo de meses os arquivos no grupo antes de que se difundiran publicamente nas últimas semanas, o que levou Washington a lanzar unha operación para retiralos do acceso público.

Á respecto do debate xerado no seo da Unión Europea polas declaracións do presidente francés Emmanuel Macron nas que defendía que o bloque se constituíse nun terceiro polo mundial, gañando autonomía estratéxica fronte aos Estados Unidos, Macron respondeu as críticas de países como Polonia subliñando que "ser un aliado non significa ser un vasalo".

Comentarios