Estes son os países que votaron a favor de suspender Rusia do Consello de Dereitos Humanos da ONU

Por primeira vez desde o comezo da guerra, China mostrou o seu apoio total a Rusia fronte ás resolucións impulsadas polos EUA no marco das Nacións Unidas.
A Asemblea de Nacións Unidas suspende Rusia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Asemblea de Nacións Unidas suspende Rusia. (Foto: Nós Diario)

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas (ONU) vén de votar a favor de suspender Rusia do Consello de Dereitos Humanos, con motivo da guerra de Ucraína.

Dos 193 países que teñen dereito a voto, exercérono 176. A sesión tiña como característica especial que as abstencións non contabilizaban no reconto final, que para saír adiante tiña que contar con dous terzos dos votos a favor. Finalmente, recibiu 79%.

Relación de votos
Relación de votos

En total foron 93 os países que votaron a favor da suspensión, por 24 que o fixeron en contra. A pesar de que non se lles contabilizaría o voto, outros 58 Estados membros optaron por absterse, polo que finalmente só se tiveron en conta 117 votos como válidos.

A proposta foi presentada polos Estados Unidos (EUA) na pasada segunda feira, despois de que se dese a coñecer o asasinato masivo de poboación civil na cidade ucraína de Bucha. Antes de Rusia, só Libia foi suspendida en 2011, no contexto da 'primavera árabe'.

China apoia Rusia

A maioría dos votos a favor da moción de suspensión viñeron dos países que forman parte da Unión Europea (UE) ou da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN), así como de países aliados dos EUA.

En canto ás abstencións e votos en contra, houbo varios cambios nos dous bloques en relación ás dúas outras mocións que a ONU impulsou contra Rusia nestas semanas.

Así, países como Brasil e México, que até o de agora apoiaran Rusia, optaron por absterse, ao tempo que exixiron unha investigación rigorosa para esclarecer o ocorrido en Bucha.

Entre os que votaron en contra, o máis destacado foi o caso de China que pasou da abstención ao voto en contra e o apoio total a Rusia. Outros países que votaron en contra foron Siria, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Irán, Alxeria, Etiopía e Kazayistán.

Comentarios